A XUNTA E OS HOTEIS DE VIGO CELEBRAN O NOVO RÉCORD DO CAMIÑO DA COSTA CON MÁIS DE 75.500 PEREGRINOS NA CIDADE
A delegada territorial da Xunta de Galicia, Ana Ortiz, recibiu á nova directiva da Asociación de Hostalería de Vigo (Ahosvi)
Os datos da ruta xacobea que pasa por Vigo indican que se trata do itinerario que máis medrou en 2025, cun 20% máis respecto ao ano pasado
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, recibiu este martes á nova directiva da Asociación de Hostalería de Vigo (Ahosvi) para analizar as liñas de colaboración encamiñadas a promover o Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola cidade. Tanto a representante autonómica como o presidente do colectivo, Gabrielle Provezza, e a tesoureira, Beatriz González, celebraron os excelentes datos rexistrados na ruta xacobea, que a falta de tres meses para pechar o ano xa chegou aos 75.502 peregrinos.
Segundo explicou Ana Ortiz, o Camiño da Costa xa bateu a 30 de setembro todas as marcas históricas de afluencia de peregrinos. “Superamos a cifra máxica de 75.000 nas nosas rúas e batemos os 74.759 que se rexistraron durante todo o 2025, número que seguro que é maior posto que non todos os camiñantes recollen a compostela”, sinalou.
Na mesma liña, sinalou que a afluencia ao Camiño da Costa segue sendo o que máis medra (20%) e continúa aumentando respecto ao resto de itinerarios, superando este mes mesmo de setembro (15.445) ao Camiño Portugués tradicional. “Estamos xa nun punto de excelencia que deberiamos todos ter en conta para coidar e fomentar”, engadiu.
Vigo, única cidade de Europa sen sinalizar
Ortiz lembro tamén que Vigo segue sendo a única cidade de Europa que non ten a ruta sinalizada. “Queda claro que temos un diamante que percorre a nosa costa, pasa por Vigo e discorre polas paisaxes máis espectaculares, pero por desgraza temos que lamentar a negativa do alcalde para sinalizar o roteiro ao paso polas nosas rúas, o que provoca que numerosos peregrinos pérdanse”, sinalou.
Durante a reunión, a delegada territorial felicitou á nova directiva e analizou cos representantes de Ahosvi iniciativas como a realización do plano da cidade onde detállase o percorrido do Camiño Portugués da Costa ao seu paso por Vigo. O mapa incorpora tanto información turística con puntos de relevancia para visitar como a situación de hoteis e lugares de aloxamento. Neste sentido, ambas partes acordaron manter as liñas de colaboración para fomentar a chegada de peregrinos.
