A Xunta e Asociación Amicos celebran O Día Mundial dos Océanos no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañou aos participantes do proxecto RE-MAR como colofón ao traballo desenvolto
O obxectivo principal deste programa céntrase na redución de residuos mariños atendendo á prevención e a través da súa recollida e tratamento
A iniciativa busca implicar á cidadanía, especialmente ás persoas con discapacidade, na conservación de especies ameazadas e recollida de residuos

A delegada territorial da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias, acompañou hoxe aos integrantes de Amicos ata as Illas Cíes con motivo do Día Mundial do Océanos nunha actividade que serviu ademais como colofón final do proxecto RE-MAR, impulsado por esta asociación xunto co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en condición de socio.

Unha iniciativa que se centra na redución de residuos mariños a través da súa recollida e tratamento, todo iso sen deixar de prestar atención ás actuacións de prevención da súa xeración.

Tal e como explicou a delegada, o proxecto RE-MAR pretende favorecer a sustentabilidade, a innovación, a colaboración cidadá e a inclusión en materia de custodia ambiental en espazos protexidos, con accións formativas dirixidas a mozos con discapacidade funcional e intelectual. Deste modo, a través do curso “Formador de formadores sobre boas prácticas na prevención, recollida, clasificación e valorización de residuos mariños”, os mozos adquiren o coñecemento necesario para actuar como guías ambientais nas diferentes actividades do proxecto.

Asemade, conta cunha serie de obxectivos específicos dentro do ámbito de influencia do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia como o son contribuír á sensibilización ambiental, Especialmente no relativo aos residuos mariños, entre a poboación local; mellorar a xestión dos residuos, xerados e recolleitos polo sector pesqueiro de baixura e pequenas embarcacións recreativas; e previr a xeración deste tipo de residuos, a través de intervencións formativas en núcleos de poboación costeiros das Rías Baixas.

O lema do Día Mundial dos Océanos 2021 é “O océano: vida e medio de subsistencia”, un tema profundamente relacionado cos desafíos para lograr o cumprimento do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 14: Conservar e utilizar de forma sostible os océanos, os mares e os recursos mariños.

O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia como espazo protexido con superficie mariña está sempre implicado na conservación dos océanos e na divulgación da importancia dos ecosistemas mariños.

Neste sentido, o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia vén de colaborar en diferentes actuacións do proxecto Icono, que promove a cultura mariña e o coñecemento do océanos. Entre estas actuacións, acaba de ver a luz a publicación “Siete cosas sobre el océanos que deberías conocer”, na que sete entidades, entre elas o Parque Nacional dan a coñecer os sete principios da cultura oceánica, unha iniciativa internacional que pretende contribuír a aumentar o coñecemento e a comprensión das interrelacións entre os océanos e as persoas.