A XUNTA E A FUNDACIÓN TRASLATIO PRESENTAN O FESTIVAL IACOBUS MARIS EXPERIENCE EN VIGO
A delegada da Xunta, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, adiantaron a programación festiva prevista no peirao de Trasatlánticos
Entre os días 28 e 30 de xullo haberá actividades para nenos e maiores, xogos infantís, casetas de comida e bebida, concertos e visitas guiadas aos barcos
“Eventos como esta ruta marítima contribúen de forma decisiva a potenciar o papel central de Vigo no Camiño Portugués da Costa”, sinalou Ortiz
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentaron este venres o festival Iacobus Maris Experience, que converterá a Vigo durante tres días, do 28 ao 30 de xullo, nunha grande festa marítima.
Nun acto celebrado no peirao de Portocultura, no que tamén estiveron presentes o director da Fundación Traslatio, Celso González, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, os representantes autonómicos amosaron o apoio do Goberno galego a esta nova edición do evento que se celebrará no peirao de Trasatlánticos.
Un ano máis e tras a grande acollida o ano pasado do roteiro de grandes veleiros coa peregrinación marítima xacobea máis longa, a Fundación Traslatio, con patrocinio de Turismo de Galicia e colaboración do Porto de Vigo, organiza este ano un novo festival con numerosas actividades e talleres, acompañado por un espazo gastronómico de cociña do mar e música en directo para todos os públicos e familias.
Camiño Portugués da Costa
Ana Ortiz apuntou que serán tres días de actividades para nenos e maiores, con xogos infantís, casetas de comida e bebida, concertos na noite do venres e o sábado e visitas guiadas e de balde á goleta “Atyla” e ao buque alxibe “Hidria II”.
“Eventos como esta ruta marítima contribúen de forma decisiva e sen lugar a dúbidas a potenciar Vigo no lugar que se merece, reivindicando o seu papel central no Camiño de Santiago e, nomeadamente, no Camiño Portugués da Costa, onde temos unha afluencia de peregrinos de récord no primeiro semestre deste ano”, apuntou Ortiz, quen avanzou que se están preparando tres días de festa para que todos os veciños e veciñas de Vigo participen desta Iacobus Maris Experience.
Pola súa banda, Xosé Merelles sinalou que “estas actividades son imprescindibles para dar a coñecer a trascendencia que ten o Xacobeo, especialmente para amosar todas as perspectivas da ruta e desde todos os seus medios, non unicamente os terrestres”.
“Implicación” da Xunta de Galicia
O director da Fundación Traslatio agradeceu a implicación da Xunta e do Porto de Vigo e sinalou que “sen ambas as institucións non sería posible manter o espírito Iacobus Maris, e traballamos para que o ano que vén podamos organizar un roteiro desde o norte con grandes veleiros, enfocándonos xa no ano santo 2027 onde tentaremos bater o récord de millas do ano pasado”.
Por último, Carlos Botana, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, destacou a importancia de acoller este tipo de actividades que “potencian a interacción do Porto coa cidade, xa que despois do éxito do ano pasado queremos continuidade e que a dársena teña moita actividade de buques históricos durante todo o ano”.
Goleta “Atyla”
Así, participará no festival, un ano máis, a goleta “Atyla”, buque escola construído en España e inspirado nos barcos do século XVIII, un grande veleiro que navega por Europa ofrecendo viaxes cheas de aventura e aprendizaxes. Ofrecerá visitas gratuítas e excursións costeiras de tres horas de duración os días 28, 29 (de 17 a 20 horas) ou o día 30 (de 11 a 14 horas).
Visor Nautilus
Outro dos atractivos do evento serán as visitas ao visor submarino Nautilus, o observatorio baixo o mar onde pode observarse o avance do crecemento da flora e fauna mediante un proxecto ecolóxico no marco da estratexia bluegrowth. Unido a este valor ambiental, Ecoembes realizará o día 28, de 15 a 17 horas, un obradoiro de reciclaxe.
Tamén se poderá visitar o barco de vapor “Hidria Segundo”, único en toda España, e que ofrece desde un percorrido guiado polo barco ata talleres para grandes e pequenos onde a diversión está asegurada.
“Sons do Porto”
Outro aspecto importante será a música en directo con “Sons do Porto”, concertos con grupos locais e coñecidos DJs. Serán o venres 28 e sábado 29 desde o anoitecer ata a medianoite, cun pano de fondo incomparable, a ría de Vigo. Tampouco faltará a comida no espazo gastronómico, desde o máis tradicional ata a nova cociña galega.