A XUNTA DESTINARÁ 10,5M€ A NOVOS CURSOS AFD PARA FORMAR A PRETO DE 4.700 PERSOAS DESEMPREGADAS NA ÁREA DE VIGO

A delegada territorial, Ana Ortiz, visitou este luns ao alumnado que iniciou a formación de atención sociosanitaria en O Porriño
A Consellería de Emprego ofertou un total de 567 cursos entre 2023 e 2025 a través dos concellos e entidades da área viguesa

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, avanzou este luns que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración investirá un total de 10,5 millóns de euros para formar a 4.674 persoas no marco do plan AFD (accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) que se desenvolverán na área viguesa entre 2025 e 2026.

Así o sinalou a representante autonómica durante a visita ao Pavillón Multiusos de Torneiros, onde estivo acompañada polo alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, para visitar ao alumnado que iniciou o novo curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Ana Ortiz lembrou que a Xunta ofertou un total de 567 cursos entre 2023 e 2025 a través dos concellos e entidades da área viguesa. “Desde a Xunta traballamos para formar ás persoas coa mirada posta nos sectores máis innovadores e adaptados ás necesidades da economía da área de Vigo”, sinalou.

No caso do novo curso que comenza en O Porriño, a delegada territorial animou aos 15 participantes a “aproveitar a oportunidade” para lograr unha formación que lles abra o mercado laboral. O Concello de O Porriño impartirá 528 horas con modalidade presencial tras recibir unha achega de 52.332,75€.