A XUNTA DESTINA PRETO DE 198.000 EUROS A 20 COMUNIDADES DE USUARIOS DE AUGAS DA ÁREA TERRITORIAL DE VIGO PARA PROXECTOS DE MELLORA NAS TRAÍDAS VECIÑAIS

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou a Comunidade de Usuarios de Augas de Xestoso, en Bembrive, para comprobar os traballos que se están a realizar

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias,  visitou hoxe a Comunidade de Usuarios de Augas de Xestoso, en Bembrive, para comprobar os traballos de reforma e reparación que se están a realizar ao abeiro da liña de axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dirixida á mellora da calidade das augas dos sistemas de abastecemento veciñais.

No caso concreto de Vigo resultaron beneficiarias na convocatoria deste ano as comunidades de usuarios de Naia, Sabaxans e Cortellas, a do barrio Carballal en Cabral e a citada de Xetoso en Bembrive. A estas se suman na área territorial, as de Coiro (Cangas) e Meira de Abaixo e Palmas Costa de Moaña; Cantín, Mina do Ferreiro, Campo do Monte Santa Marta e Casal, Casalmorto e Roublin (Mos); Revolta e Rotea Camos (Nigrán); Chaín (Gondomar); San Jorge de Mosende (O Porriño); Negros e Río das Cabras (Redondela); e Outeiro, Castro Barreiro, A Feira e Santos Justo y Pastor (Salceda de Caselas).

Tal e como informou a representante autonómica, o obxectivo é impulsar actuacións que melloren a prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano e a calidade de auga xestionadas por comunidades de usuarios, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Estes incentivos cobren o 80% do financiamento das actuacións, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. O 20% do financiamento restante debe ser achegado pola propia comunidade de usuarios beneficiaria da subvención, sendo compatible con outras subvencións ou axudas.

A delegada recordou que a Xunta lanzou no ano 2020 a primeira convocatoria destas axudas, en apoio do importante papel das traídas veciñais no ámbito rural ao ser, en moitas ocasións, a solución máis eficiente para abastecer a poboacións que se atopan máis afastadas.

No que atinxe á área territorial de Vigo, no marco desta primeira convocatoria, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade concedeu 18 axudas para a implantación e o desenvolvemento de proxectos de mellora da calidade de auga das traídas veciñais, cun investimento de 174.000 euros.