A XUNTA DESTACA EN VIGO AS FERRAMENTAS AUTONÓMICAS A PROL DA DEFENSA DOS DEREITOS DAS PERSOAS CONSUMIDORAS

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou o punto de información ao consumidor instalado no mercado do Calvario polo Día Mundial dos dereitos das persoas consumidoras
Trátase dun dos postos que están este sábado nas prazas de abastos das sete principais cidades galegas e a través dos que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia convida á cidadanía a coñecer máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras
Outra acción desenvolvida esta semana con motivo desta efeméride é a presentación das conclusións do proceso de escoita activa impulsado polo Goberno galego para a elaboración da Estratexia galega de protección das persoas consumidoras 2026-2030
Nesta conmemoración tamén se enmarca o programa divulgativo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e no que están a participar 10.000 alumnos e alumnas de 115 centros educativos e unha edición especial dos Venres de Consumo Responde

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este sábado o punto de información ao consumidor instalado no mercado de abastos de O Calvario con motivo do Día Mundial dos dereitos das persoas consumidoras que se conmemora mañá.

Trátase dun dos postos que están hoxe nas prazas de abastos das sete principais cidades galegas, entre elas tamén a de Santiago de Compostela, e que hoxe visitou a xerente do o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), Sol Vazquez.  A  través deles, o IGCC convida á cidadanía a coñecer máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras. Tamén sobre as ferramentas que a administración autonómica pon ao seu dispor para asesorarlle, acompañarlle e, en último caso, axudarlle a restituír os seus dereitos. Entre estes recursos está o teléfono de balde 900 23 11 23, as oficinas situadas na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol e os convenios asinados coas diferentes organizacións de consumidores de Galicia.

As actividades de hoxe súmanse ás desenvolvidas ao longo da semana con motivo desta efeméride, como o acto do xoves, no que se presentación as conclusións extraídas do proceso de escoita activa impulsado pola Xunta para a elaboración da Estratexia galega de protección das persoas consumidoras 2026-2030.

Nesta conmemoración tamén se enmarca o programa divulgativo que leva desenvolvendo todo este mes o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e no que están a participar 10.000 alumnos e alumnas de 115 centros educativos, co que a Escola Galega de Consumo superará con creces neste 2026 a media de 20.000 persoas formadas ao longo do ano. A maiores, onte celebrouse unha edición especial dos Venres de Consumo Responde.