A XUNTA DESTACA A ORIXINALIDADE INTERPRETATIVA DOS ARTISTAS AUDIOVISUAIS QUE FIRMAN A MOSTRA PERCORRER O TEMPO
Na exposición itinerante instalada no porto vigués, que converte contedores de barco en salas expositivas, participan profesionais de percorrido nacional e internacional, entre os que figura a creadora viguesa Carla Andrade
A secretaria territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou hoxe durante unha visita á mostra a orixinalidade interpretativa dos creadores audiovisuais que firman a exposición itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, cunha mención especial ao traballo “Amarelo Atlántico” da artista viguesa Carla Andrade.
A través de contedores de barco convertidos en salas de exhibición, a proposta organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación “la Caixa”, achega diversas perspectivas das rutas xacobeas a través da ollada de dez artistas de primeiro nivel do eido visual e audiovisual, tanto emerxentes como consolidados.
Xunto a Andrade participan outros artistas galegos como Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, e profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas. Así, figuran a inglesa Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum; o portugués André Cepeda, o francés Michel Le Belhomme, a alacantina Cristina de Middel, que foi Premio Nacional de Fotografía, e o xienense Miguel Ángel Tornero.
Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, comisariada polo artista visual e docente Nicolás Combarro, exhíbese en seis grandes contedores de barco, dos que un serve como punto de información e os cinco restantes como salas de exhibición. Neles pode contemplarse o traballo fotográfico e audiovisual como secuencias de imaxes, curtametraxes ou formatos híbridos de fotografía e vídeo.
A iniciativa, que forma parte da programación cultural do Xacobeo 21-22, permanecerá no Paseo das Avenidas ata o seu traslado a Santiago o vindeiro mes de maio.
