A XUNTA DESTACA A NOVA PROGRAMACIÓN DA ASOCIACIÓN ÉVAME-OROZA COMO “DINAMIZADORA” DA CULTURA EN VIGO
A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou na presentación do programa do colectivo asentado no Casco Vello vigués
Oito exposicións de arte, un ciclo de conferencias, recitais de poesía e eventos culturais propios co apoio da Xunta e a Deputación
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participaron este martes xunto ao presidente da Asociación Évame-Oroza, Xabier Romero, na presentación do programa de actividades culturais do colectivo creado para conmemorar o centenario do nacemento do escritor Carlos Oroza, falecido en Vigo hai dez anos.
A representante autonómica destacou o labor realizado pola asociación, nado en 2022 para revitalizar o Casco Vello, e apuntou ao “efecto dinamizador” da cultura viguesa grazas a súa programación. “O renacemento cultural e social do noso barrio histórico é un feito grazas ao traballo que realiza o voso colectivo a diario e como presidenta do consorcio quero felicitarvos por converter o edificio que rehabilitamos nun punto de referencia”, sinalou Ana Ortiz.
A programación, que conta co apoio da Deputación e da Xunta de Galicia, inclúe unha intensa axenda de actividades abertas á cidadanía, entre as que destacan oito exposicións de arte, un ciclo de conferencias, recitais de poesía e eventos culturais propios que consolidan a este espazo como un dos focos culturais máis dinámicos da cidade.
Luisa Sánchez puxo en valor o traballo desenvolvido pola asociación nos últimos anos para dinamizar a cultura en Vigo. “Évame-Oroza demostrou unha extraordinaria capacidade para xerar unha oferta diversa e aberta, que combina exposicións, actividades literarias e encontros con creadores e que enriquece a vida cultural da cidade”, sinalou.
No ámbito expositivo, a programación reunirá a artistas de distintas xeracións e disciplinas, combinando nomes consolidados da arte galega con creadores contemporáneos. Entre as mostras previstas figuran as exposicións de HeyJuddy, Marta Bran ou Jesús Otero, así como propostas de artistas como Xosé Miranda, Blas González ou Natasha Lelenco.
A programación tamén inclúe unha aposta destacada pola recuperación e difusión de grandes figuras da arte galega, con exposicións dedicadas a Laxeiro e Mercedes Ruibal.
Exposición na sede de Vigo
Un dos momentos máis destacados terá lugar en setembro, cando a sede da Deputación en Vigo acolla a exposición ‘Oroza, poeta camiñante’, dedicada á vida e obra do poeta Carlos Oroza.
A mostra permitirá percorrer a traxectoria vital e literaria do autor a través de paneis con material gráfico e textual procedente do seu arquivo persoal, así como dunha selección de obxectos, libros, manuscritos e publicacións que forman parte do legado que conserva a asociación Évame-Oroza. A exposición completarase con materiais audiovisuais que permitirán escoitar ao propio poeta recitando e coñecer documentos sonoros inéditos.
Conferencias e poesía escénica
Xunto ás exposicións, Évame-Oroza organizará un ciclo de conferencias baixo o título “Falamos de…”, no que participarán especialistas de distintos ámbitos para abordar temas como o cambio climático, a novela negra galega, a historia compartida entre Galicia e América Latina ou o papel do cine na educación.
Outro dos eventos máis agardados polo público será a nova edición da “Sesión de espiritismo”, un recital de poesía escénica que combina lectura, teatro e participación do público nunha proposta singular que se ten consolidado como unha das citas máis populares do espazo. A programación anual complétase con outras iniciativas como o Festival de Poesía e Oralidade Máis Alto que o Ceo.
