A XUNTA DE GALICIA CERTIFICA O BO ESTADO DAS INSTALACIÓNS DO IES DE BEADE E CONFIRMA A PRESENZA DE CHUMBO NA AUGA DAS ACOMETIDAS EXTERIORES MUNICIPAIS
As mostras recollidas esta mesma semana por Saúde Pública ratifican que a acometida do centro escolar non presenta metais por enriba dos límites establecidos pola normativa.
O informe da Unidade Técnica da Delegación Territorial de Educación garante que todas as tubaxes de consumo de auga son de polietileno
O Goberno galego notifica ao Concello de Vigo e a Aqualia os incumprimentos para que tomen medidas correctoras
A Xunta de Galicia notificou ao Concello de Vigo e a empresa Aqualia, responsable da concesión municipal do subministración de auga, os resultados das mostras recollidas esta mesma semana en un punto de rede e en tres acometidas da zona de abastecemento de Quintián (contorna do IES de Beade) por inspectores farmacéuticos de Saúde Pública, dependentes da Consellería de Sanidade, nas que se constata presenza de chumbo e outros metais (Ferro, Aluminio e Arsénico) en dúas acometidas das tres obxecto de mostraxe.
O director territorial de Educación, César Pérez Ares, acompañado da xefa da Unidade Técnica e da directiva do IES Beade, así como dun representante da empresa das subministracións, visitaron este xoves o centro para comprobar o bo estado de instalacións e circuítos. Durante o percorrido, deron constancia e comprobaron que todas as tubaxes de consumo de auga son de polietileno (dende o contador da fachada ata o interior), polo que se demostra que a presenza de chumbo procede das acometidas exteriores.
As mostras recollidas o pasado luns por Saúde Pública en catro puntos diferentes do exterior do recinto do centro (tres acometidas de viviendas da zona e un punto de rede) amosan que existe unha alta concentración de chumbo e outros metais en dúas acometidas desa zona.
Instalacións educativas de polietileno
“Non serve de nada que teñamos todas as instalacións perfectas no interior con polietileno cando existe un arrastre de chumbo desde as tubaxes municipais exteriores cara o interior”, sinalou César Pérez Ares. Por esta razón, o director territorial solicita ao Concello de Vigo que tome medidas correctoras para evitar problemas no consumo de auga e para evitar confusións propón que o goberno local realice catas para detectar as tubaxes de chumbo que están provocando o problema.
