A XUNTA DÁ LUZ VERDE AOS DOUS ÚLTIMOS INFORMES PARA A APROBACIÓN DO PXOM DE VIGO COA CONDICIÓN DE QUE SE SUBSANEN OS ERROS DO DOCUMENTO URBANÍSTICO

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, anunciou o envío dos informes favorables condicionados de Patrimonio Cultural e Infraestruturas
Destaca que fronte ao Concello, que tardou preto de 15 meses en enviar documentación axeitada, a Xunta nunca superou o prazo legal de 3 meses para emitir os seus informes.
“Respondimos sempre en tempo e forma mentres que o Goberno municipal tardou máis dun ano en enviar a documentación de ambos os dous informes”, sinalou
Con isto queda pendente tan só que o Concello de Vigo envíe o Plan para avaliación ambiental

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, anunciou este venres que o Goberno galego vén de emitir, antes de que se cumpra o prazo legal, os dous últimos informes necesarios para a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo. Así o fixo nunha comparecencia pública na que tamén estiveron presentes a directora xeral de Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez; e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez.

“A Xunta dará unha vez máis solucións ao Concello de Vigo á hora de tramitar o seu Plan Xeral, porque á vista da incapacidade do Goberno local para subsanar os erros do seu documento, o Goberno autonómico decidiu emitir sendos informes favorables condicionados”, sinalou Ana Ortiz en rolda de prensa.

Segundo explicou a representante autonómica, trátase dos informes de Patrimonio Cultural e da Axencia Galega de Infraestruturas, e ambos son positivos pero lle esixen ao Concello de Vigo a corrección dalgúns aspectos concretos do Plan. Tamén apuntou que fronte ao Concello de Vigo, que tardou preto de 15 meses en enviar documentación axeitada, a Xunta de Galicia nunca superou o prazo legal de 3 meses para emitir os seus informes, polo que se o concello tivera cumprido, o PXOM podería estar hoxe aprobado provisionalmente. “Respondimos sempre en tempo e forma mentres que o Goberno municipal tardou máis dun ano en enviar a documentación de ambos os dous informes”, engadiu.

Ademais, a directora xeral de Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, apuntou que “co Concello de Vigo, como con calquera outro, a Xunta sempre amosou a total disponibilidade para reunións técnicas porque, como non pode ser doutra forma, sempre estamos ao lado dos 313 concellos de Galicia para conseguir o obxectivo prioritario da ordenación territorial”.

Pola súa banda, María del Carmen Martínez aclarou que o Concello deberá mellorar a catalogación de varios elementos patrimoniais da cidade, que deben ser identificados correctamente ou, polo contrario, deberase contar cun informe técnico antes de cada actuación.

No caso do responsable da AXI, Francisco Menéndez, indicou que o Goberno municipal debe representar de forma axeitada as liñas de protección en varios treitos das estradas autonómicas. “O estudo de mobilidade o fixemos nós, tivemos unha sensibilidade especial con Vigo”, destacou.

Unha vez o Concello remita á Administración autonómica o plan con estas correccións, dará comezo a avaliación ambiental, tras a que se poderá aprobar (primeiro provisional e despois definitivamente) o PXOM.

A delegada da Xunta reiterou ao Concello de Vigo que, tal e como fixo ao longo de todo este proceso, a súa disposición a colaborar e axudar ao equipo municipal en todo o que se lle necesite, en beneficio da veciñanza e das empresas da maior cidade de Galicia. Lamenta tamén que algúns dos aspectos recollidos nestes informes non se corrixisen xa ao longo destes meses.