A XUNTA CONVOCARÁ EN 2024 UNHA NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA EBICI TRAS O ÉXITO DA INICIATIVA CON 410 SOLICITUDES E AXUDAS POR MÁIS DE 200.000 EUROS EN VIGO

A delegada da Xunta en Vigo destacou a iniciativa que permitiu conceder as achegas para impulsar a mobilidade sostible na cidade
Ana Ortiz visitou este venres un dos establecementos asociados á campaña no que se venderon preto de medio centenar de bicicletas eléctricas

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, anunciou este venres que o Goberno galego renovará en 2024 o programa EBici para a compra de bicicletas con pedaleo asistido tras o éxito da iniciativa que converteu á cidade olívica nunha das localidades con maior número de achegas aprobadas.

“A campaña foi de novo un éxito en Vigo, cumprindo cos obxectivos de promover que os cidadáns realicen os seus desprazamentos cotiáns de curta distancia en bicicleta, especialmente nas contornas urbanas, e fomentando unha mobilidade máis saudable para quen se decante polo emprego deste medio de transporte alternativo”, destacou a delegada durante a visita ao establecemento vigués “Biciss”, onde medio centenar de clientes accederon as axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

En total, en Vigo foron solicitadas 410 axudas, o que supón máis de 201.000 euros do total de 1,7 millóns de euros co que contou a iniciativa en 2023.  Ademais, a área territorial de Vigo sumou un total de 620 (307.000 euros), repartidas da seguinte maneira: Vigo (410), Cangas (43), Nigrán (33), Baiona (24), Redondela (19), Gondomar (26), Moaña (15), Mos (10), O Porriño (19), Salvaterra (8), Salceda (10) e Soutomaior (3).

A delegada territorial xa anunciou que, ante a gran resposta da cidadanía, haberá en 2024 unha nova convocatoria desta orde de axudas para adquisición de bicicletas eléctricas de pedaleo asistido.