A Xunta confirma un investimento de 411.000 euros para renovar o obradoiro dual Salvaterra Emprega IV e formar a persoas desempregadas

A delegada territorial, Ana Ortiz, asistiu á clausura da última edición do curso que financia a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este martes o obradoiro Salvaterra Emprega III que permitiu formar durante o último ano a 20 persoas desempregadas e confirmou un investimento de 411.927,20 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para reeditar unha edición máis o curso que promove Salvaterra de Miño.

A representante autonómica, que estivo acompañada pola alcaldesa, Marta Valcarcel, animou aos participantes a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo. “A formación que recibides durante o último ano son unha ventá ao mercado de traballo e tanto a comarca como o resto de Galicia, a sociedade e as empresas, necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou.

Ortiz confirmou que haberá unha nova edición do obradoiro e que a Xunta investirá 3,9 millóns en 2025 para un total de dez cursos na área de Vigo. No caso concreto de  Emprega III, os participantes recibiron desde novembro de 2023 a novembro de 2024 formación nas especialidades de xardinería e forestal.

Así, o Concello continuou coa tarefa xa iniciada da posta en valor do Parque Forestal Monte Castelo mediante a formación en materia de xardinería e forestal, para conseguir un espazo público de lecer con valores paisaxísticos, culturais e ambientais a preservar: eliminación de invasoras, tratamentos de consolidación de ripisilva, plantacións mixtas de frondosas, plantacións mixtas de baixa densidade, tratamentos de consolidación de frondosas espontáneas e labores de mantemento.

Novas achegas en 2025

Ademais, a delegada indicou que xa están aprobadas novas achegas para repetir en 2025 co curso Vigo Capacita X e o IV Obradoiro Forestal Montes de Vigo, a través da Mancomunidade de Montes. Tamén Mos promoverá a iniciativa Queda en Mos III; Salceda de Caselas contará co curso Recuperación do Legado Patrimonial; Cangas terá o Granxa da Rúa XIII; en Gondomar o taller Coidando o Miñor; Redondela, o obradoiro Polo Mar de Redondela; O Porriño desenvolverá o obradoiro Porriño Humaniza, e Moaña o taller Labora Hostalería.