A XUNTA COMPROMÉTESE CON MENELA VIGO A SEGUIR «FACENDO ESPAZO» PARA QUE AS PERSOAS CON ASPERGER POIDAN DEMOSTRAR O SEU POTENCIAL
O Goberno galego destinará neste ano 1,6 millóns de euros a esta entidade para a formación e a busca de autonomía das persoas con esta síndrome
A conselleira de Política Social, Fabiola García e a delegada territorial da Xunta de Galicia trasladaron hoxe a Menela o compromiso da Xunta a seguir “facendo espazo” para que as persoas con Asperger poidan demostrar o seu potencial. O fixeron con motivo da súa visita ao centro de recursos desta Fundación en Alcabre para celebrar o Día Internacional do Asperger.
A conselleira sinalou que este día, que ten como lema ‘Fai espazo’, representa un bo momento para seguir reivindicando máis facilidades na integración das persoas con Asperger, para dar visibilidade á súa situación e “para atopar un espazo no que poidan sentirse a gusto e felices”. Neste sentido, agradeceu a Menela o seu traballo diario a través dos seus centros na cidade de Vigo e na comarca do Val Miñor.
O Goberno galego segue reforzando a súa colaboración co tecido social para chegar cada día a máis persoas coa Síndrome de Asperger. Neste ano 2022, destinará 1,6 millóns de euros a Menela para atender ás persoas usuarias dos seus centros, dándolle máis axuda, autonomía e formación.
Desde a infancia á idade adulta
A Xunta trata de acompañar ás persoas con algún Trastorno do Espectro Autista desde a infancia á vida adulta. Para iso, o Goberno galego segue reforzando a rede de atención temperá, que permite unha identificación e diagnose rápida durante os primeiros anos de vida. Neste mesmo ano, esta rede contará con medio cento de unidades repartidas por toda a Comunidade.
Así mesmo, Galicia é un dos lugares con maior ratio de integración de persoas con necesidades especiais nos centros educativos, gracias a uns profesionais cada día máis preparados para a súa atención. Do mesmo xeito, a Xunta busca a integración das persoas con Asperger no mundo laboral a través da formación e a colaboración con empresas e centros especiais de emprego.