A Xunta comeza unha intervención etnográfica-arqueolóxica na Illa Norte do Arquipiélago das Cíes
A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o encrave no que se traballa coa hipótese de que fora unha antiga ferraría para coñecer xunto aos técnicos os traballos que se desenvolverán ata decembro no Parque Nacional
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o Parque Nacional das Illas Atlánticas para coñecer de primeira man a intervención etnográfica-arqueolóxica impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na illa norte do arquipélago, no lugar de Os Ferreiros.
Desde este mércores e ata o vindeiro mes de decembro un equipo de arqueoloxía do Parque Nacional afondará no coñecemento deste encrave de carácter etnográfico no que se traballa coa hipótese de que fora unha antiga ferraría.
A intervención, baixo a coordinación do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, desenvolverase en varias fases diferentes nas que se combinará o traballo de gabinete coa realización de actividade de campo: documentación inicial (preparación do proxecto de intervención); limpeza das estruturas; instalación dun panel informativo; tratamento final da información rexistrada (elaboración da memoria final dos traballos).
Segundo explicou o arqueólogo principal do proxecto, as actuacións realizaranse sobre as estruturas que conforman o encrave etnográfico, procedéndose á retirada, con medios manuais, das plantas rubideiras que están a medrar nos paramentos existentes. Só en casos puntuais e estritamente necesarios procederíase a fixar con morteiro de cal hidráulica e árido silíceo algunha das pedras que conforman as estruturas. En todo caso, tal e como se puntualizou en ningún suposto se inclúe a tala de árbores nen a reconstrución de muros.
Unha vez rematado o traballo de campo procederase ao tratamento de toda a información xenerada, de cara á elaboración dunha memoria final onde se relate todo o proceso levado a cabo e os resultados obtidos durante o mesmo. Neste documento, tamén, farase unha proposta de actuación futura de cara a ir recuperando patrimonialmente os restos que conforman este conxunto etnográfico.
Finalmente, ao obxecto de dar a coñecer aos posibles visitantes as características do encrave etnográfico de Os Ferreiros (cronoloxía, funcionalidade, etc.), procederase á instalación no lugar dun panel informativo.