A XUNTA COLABORA CO CONCELLO DE FORNELOS DE MONTES NA AMPLIACIÓN DA REDE DE SANEAMENTO DE FONDO DE VILA

A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, e o alcalde de Fornelos, Emiliano Lage, visitaron as obras que reciben fondos da Dirección Xeral de Administración Local

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, visitaron este martes as obras de ampliación da rede de saneamento do lugar de Fondo de Vila, segundo núcleo de poboación da parroquia de San Lourenzo.

Segundo explicou a delegada da Xunta, o Concello de Fornelos recibiu unha subvención de 30.000 euros por parte da Dirección Xeral de Administración Local, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, para acometer os traballos. “Na actualidade quedaban algunhas zonas deste núcleo de poboación onde non existía rede de saneamento algunha, polo que era preciso actuar na zona”, indicou.

As obras sitúanse na parroquia de San Lourenzo de Fornelos, no lugar de Fondo de Vila, o segundo núcleo de poboación dos seis que ten esta parroquia de 553 habitantes. Coa execución da ampliación da rede de saneamento existente en Fondo de Vila búscase dar acceso ao servizo municipal de saneamento ao resto das vivendas desta zona que aos que na actualidade non chega, eliminando desta forma tanto os perigos de salubridade como os medioambientais derivados da falta duns sistema de saneamento axeitado.

O alcalde, Emiliano Lage, destacou que as actuacións que se levan a cabo son de vital importancia de cara á conservación da natureza, do medio ambiente e da salubridade pública, motivo polo cal estas obras son prioritarias para o goberno local de Fornelos de Montes.