A XUNTA AVANZA QUE A COMEZOS DA PRÓXIMA PRIMAVERA OS VECIÑOS DE VALADARES E DE PEREIRÓ, EN VIGO, DESFRUTARÁN DUNHA ESTRADA PO-330 MÁIS SEGURA, ACCESIBLE E HUMANA, CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 1,8 M€
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisaron hoxe o inicio das obras de mellora da PO-330
Destacaron a actuación, nun treito de 7 km, ten como fin acadar a convivencia harmónica entre condutores e peóns nunhas zonasmoi urbanas, atendendo ás demandas de veciños e comerciantes da contorna
En Valadares trabállase xa na execución da glorieta no Alto da Garrida para reforzar a seguridade nun cruce que dá acceso aos polígonos, á universidade e ao hospital
Tamén se eliminará un treito de concentración de accidentes, creando un carril central de espera para resolver de forma segura o acceso ao colexio Andersen
En agosto actuarase nas contornas do Colexio Barreiro, cun paso de peóns e medidas de calmado do tráfico; e do CEIP Igrexa Valadares, acondicionando o camiño e os radios de xiro que empregan os autobuses para incorporarse á PO-330
En outono acometerase outra rotonda de acceso á piscina e ao pavillón e en decembro comezarán as obras en Pereiró, urbanizando un tramo de 450 metros
A aposta da Xunta pola seguridade e a mobilidadeen Vigo terá continuidade coas obras da PO-323 en Teis, que se licitarán este ano cun investimento de 1 M€; ou co impulso da mobilidade sostible na avenida de Beiramar
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, avanzaron hoxe que a comezos da próxima primavera os veciños de Valadares e de Pereiró, en Vigo, desfrutarán dunha estrada PO-330 máis segura, accesible e humana, cun investimento de 1,8 millóns de euros.
Ambas as dúas supervisaron o inicio das obras de mellora da PO-330, a estrada Vigo-Vincios, que comezaron na zona de Valadares.
Trátase dunha actuación ao longo de 7 km que dá resposta ás demandas dos veciños de Valadares e dos comerciantes de Pereiró, ao buscar unha convivencia máis harmónica entre condutores e peóns nunhas zonas urbanas moi concorridas.
Os traballos comezaron na zona de Valadares, onde se executará, primeiramente, unha glorieta no Alto da Garrida para mellorar a seguridade do cruce, cun elevado tráfico de vehículos pesados, xa que dá acceso aos polígonos, ao miradoiro do Monte Alba ou ao viario que vai á Universidade, ao Hospital e ao Parque Tecnolóxico.
Na zona do treito de concentración de accidentes, crearase un carril central de espera para resolver de forma segura o acceso ao colexio Andersen, reforzando a sinalización dos pasos de peóns.
Ethel Vázquez detallou que nestes primeiros meses de xuño e xullo, as obras centraranse na eliminación do tramo de concentración de accidentes e na construción da glorieta da Garrida.
En agosto, tendo en conta que non hai clases, actuarase na contorna dos centros educativos da zona. Así, no Colexio Barreiro achegarase o paso de peóns á entrada do centro e calmarase o tráfico, adecuando a sinalización vertical e instalando bandas transversais de alerta para atenuar a velocidade.
No acceso ao CEIP Igrexa Valadares, acondicionaraseo camiño e actuarase sobre os radios de xiro de entrada e saída que empregan os autobuses para incorporarse á PO-330.
En outono se acometerá outra glorietade acceso á piscina e ao pavillón; e en decembrocomezarán xa as obras na contorna de Pereiró, urbanizando un treito de 450 metros, entre a rotondaque está fronte ao cemiterio e serve de enlace do viario da universidade.
Nesa zona de Pereiró, indicaron que a Xunta agarda que o Concello de Vigo aproveite, finalmente, as obras para renovar os servizos municipais, de abastecemento, saneamento ou depuración, como correspondería, para evitar ter que levantar despois novamente a estrada para actuar neses servizos.
A actuación da Xunta engloba outras accións como a sinalización horizontal ou elementos físicos para reforzar a seguridade noutras 3 interseccións (en Carneiras, Carregal e O Portal) e as melloras de accesibilidade ou a reparación de beirarrúas onde sexa necesario.
A conselleira lembrou que esta aposta pola seguridade viaria en Vigo terá continuidade con intervencións como a da PO-323 en Teis, cuxas obras da 1ª fase se prevén licitar este ano, cun investimento de 1 M€; ou o impulso da mobilidade sostible na avenida de Beiramar, para humanizar a fronte portuaria da cidade, en colaboración coa Autoridade Portuaria.