A XUNTA APOIA UNHA NOVA EDICIÓN DO TALENT SHOW MEGAESTRELAS COMO ESCAPARATE ARTÍSTICO DE VIGO

A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, presentou a cuarta edición do certame nun acto que contou coas actuacións de Ariel Echeverry e Lucía Samoelle
As audicións en busca dos novos talentos vigueses realizaranse os vindeiros tres sábados do mes de maio no escenario do Centro Vialia

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou este venres a evolución do concurso vigués Talent Show Megaestrelas como plataforma de impulso para os artistas emerxentes na cidade. A representante autonómica incidiu na importancia da alianza entre o Goberno galego e o certame co obxectivo de descubrir novos talentos con acento vigués.

Durante a presentación na sede da Delegación do Goberno galego na cidade houbo actuacións de Ariel Echeverry, gañador o pasado ano pola súa interpretación coa batería con tan só sete anos, e da cantante Lucía Samoelle, finalista en 2024. Segundo explicou Ana Ortiz, a administración autonómica mantén o seu apoio ao Talent Show nesta nova etapa na que xa participan persoas maiores de idade. “Temos un talento extraordinario na cidade e Megaestrelas ofrece unha oportunidade única para que emerxa”, sinalou.

Acompañada por Kike Corbacho, promotor do evento e director da produtora galega de televisión Linea Press, a delegada convidou aos vigueses a asistir ao evento que se celebrará os vindeiros 3, 10 e 17 de maio, así como a final o 7 de xuño, no escenario Foodcourt de Vialia Vigo.  Durante a rolda de prensa do concurso na sede da Delegación Territorial da Xunta en Vigo, houbo tempo para que Ariel e Lucía actuasen ante o público presente.

Xurado e premios

O xurado, formado por profesionais, serán os encargados de valorar aos participantes e elexir aos mellores nas categorías de canto, baile, maxia e interpretación. Os castings serán a porta aberta ao público coa limitación de aforo.

Tanto na categoría de baile grupal infantil (hasta 16 anos) como baile grupal xuvenil (de 16 a 30 anos) os premios serán a gravación dun videoclip, masterclass de Leiredallas, trofeo e diploma. Na categoría xuvenil de baile individual, parellas ou tríos, categoría cantantes, categoría de variedades e Megaestrelas 2025, os premios serán dous días no Ecoparque Multiaventura, gravación dun disco e un videoclip musical, ademais dos trofeos e diplomas. Tamén haberá un premio dun ano de formación no Conservatorio Mayeusus para a categoría cantantes.