A Xunta apoia unha nova edición da Liga Cíes-Rande que reúne a seis clubs da ría de Vigo

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este xoves o evento náutico

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este xoves na presentación da segunda edición da Liga de Inverno Cíes-Rande que se celebrará nos vindeiros meses na Ría de Vigo. A representante autonómica destacou a “colaboración” entre os clubs para fomentar o deporte e a náutica de forma “desestacionalizada”.

Ortiz apuntou que grazas ao apoio da Xunta a vela galega conta cun novo evento e sinalou a importancia de que Galicia teña os mellores eventos deportivos do verán pero ademais, coas mellores regatas do outono, do inverno e da primavera. Os clubs participantes son o Monte Real Club de Yates de Bayona, Real Club Náutico de Vigo, Real Club Náutico Rodeira de Cangas, Club Náutico San Adrián de Cobres e Liceo Marítimo de Bouzas ademais de contar coa colaboración da Real Federación Galega de Vela, o Club Marítimo de Canido e Ariven (Asociación de Entidades Náuticas Ría de Vigo).

A mandataria galega tamén incidiu no apoio do Goberno galego á vela galega cun investimento de preto de 6 millóns de euros desde 2009 e que o pasado ano inrementouse co convenio de colaboración aprobado polo Consello da Xunta, que no conxunto de todas as federacións aumentan un 3% con respecto a 2023. Todo isto, dixo, posibilita que as licenzas federativas de vela sobrepasen as 2.300, a cifra máis alta dos últimos dez anos.