A XUNTA APOIA OS PROXECTOS DE DIFUSIÓN DOS DESTINOS TURÍSTICOS ENOGASTRONÓMICOS NA ÁREA DE VIGO

A delegada territorial de Xunta visitou este mércores a Bodega La Val tras abrir novos espazos dedicados a recepción de visitantes, catas e degustacións

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcarcel, visitaron este mércores as instalacións de Bodegas La Val para coñecer o novo proxecto de enoturismo que se beneficiou das axudas ao sector vitivinícola a través do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística (PSTD) Enogastronomía de Galicia 2023-2025.

Este Plan conta cunha dotación total de 34,5M€, cofinanciados pola Unión Europea, a través do Mecanismo de Recuperación e Resilencia, que se destinan a tres actuacións de cohesión e 11 plans de sustentabilidade turística en destino.

A representante autonómica explicou que dentro deste PSTD englóbase unha liña de axudas de 5,5M€ para establecementos con encanto en destinos enogastronómicos de Galicia, da que preto de 200.000€ foron adxudicados a Bodegas La Val.

A delegada destacou o papel do turismo enolóxico como ferramenta para impulsar un desenvolvemento sostible das áreas rurais e sinalou que a axuda a La Val é un exemplo das axudas do Goberno galego que fomentan o turismo e o emprego. Ademais, apuntou a singular posición de Galicia como destino único e de calidade neste campo.

“O proxecto supón un impulso para o turismo de interior vinculado á viticultura, un produto que para nós é moi importante e que forma parte da nosa sinal de identidade como pobo, permitindo ás empresas seguir mellorando e adaptando as súas instalacións para acoller a máis visitantes”, sinalou Marta Valcárcel tras celebrar a implicación da Xunta.