A XUNTA APOIA A SEMANA DA MODA de vigo NA QUE PARTICIPAN 30 COMERCIOS DA ASOCIACIÓN ZONA NÁUTICO

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, destacaron da iniciativa o seu dobre obxectivo de dinamización das vendas e visibilidade do comercio de proximidade
Ambos os dous representantes incidiron en que este ano o Goberno galego reforza a súa colaboración cos centros comerciais abertos cunha liña de axudas en exclusiva por primeira vez e dotada con 2,25 millóns de euros que está pendente de resolución
Desde o venres e ata o domingo, os xardíns de Elduayen acollerán desfiles nos que os comercios participantes amosarán as súas propostas para o outono-inverno 2022
En 2021 resultaron beneficiarios das axudas da Xunta un total de 21 centros comerciais abertos na área de Vigo, que en conxunto recibiron 426.000 euros

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participaron este martes na presentación da Semana da Moda, organizada pola Asociación de Comerciantes e Hostaleiros Zona Náutica e na que participan 30 comercios vigueses.

Durante tres días, desde o venres ata o domingo en horario de 18.00 a 22.00 h, os xardíns de Elduayen acolleran 8 pases de desfiles nos que os comerciantes participantes -tendas de moda, marroquinería, xoiarías e ópticas- poderán exhibir as súas propostas para o outono-inverno 2022. Asemade, participarán establecementos do ramo da perruquería e outros servizos asociados.

Durante a presentación, que tivo lugar nun dos establecementos que forman parte do cartel, Azoe Boutique, Fernández-Tapias e Heredia coincidiron en destacar da iniciativa o seu dobre obxectivo de dinamización das vendas e visibilidade do comercio de proximidade. Un exemplo, anotou a delegada, “do esforzo e da importante labor que desenvolven as federacións e asociacións de comercio no impulso do sector”.

Así mesmo, ambos os dous representantes destacaron a decidida aposta do Goberno galego polo comercio de proximidade, con programas específicos de apoio á innovación, á dixitalización e á implantación de novas formas de comercialización; ou con axudas enfocadas á reactivación do sector, a incentivar as vendas ou á apertura de novos establecementos comerciais, entre outras medidas.

De media ao ano, segundo informou a delegada territorial, os apoios da Xunta ao comercio local de Vigo rozan o millón de euros demostrando así, dixo, “o compromiso da Xunta co sector e moi especialmente co comercio de proximidade, que é para nós unha peza clave da dinamización económica das nosas vilas e cidades”.

Axudas aos CCA

Nesta mesma liña, Fernández-Tapias e Heredia incidiron en que este ano o Executivo autonómico reforza a súa colaboración cos centros comerciais abertos cunha liña de axudas por primeira vez en exclusiva e dotada con 2,25 millóns de euros que está pendente de resolución.

As asociacións de praceiros, que ata o de agora accedían á mesma liña de axudas contan cun programa específico, dotado con 870.000 euros, cuxa convocatoria publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG).

Así, os apoios máximos para cada CCA pasarán de preto de 43.000 euros a 52.000 euros, cunha maior intensidade de axuda, chegando ao 80 % do investimento subvencionable. O obxectivo é aumentar as campañas de dinamización e fidelización de clientes que os centros comerciais abertos desenvolven ao longo de todo o ano en colaboración coa Administración autonómica. Ademais, establécese un novo programa de formación para os xerentes destas entidades, fortalecendo os seus coñecementos en dixitalización, dinamización e vendas e que arrancarán este mesmo mes de setembro.

O ano pasado resultaron beneficiarios das axudas da Xunta un total de 21 centros comerciais abertos na área territorial de Vigo, que en conxunto recibiron 426.000 euros para poñer en marcha ou manter iniciativas dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados, así como campañas de dinamización comercial.