A XUNTA ANIMA Á CIDADANÍA A MERCAR NO COMERCIO LOCAL NA NOVA CAMPAÑA DE O TEU VERÁN NA ZONA NÁUTICO DE VIGO

A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, destacou a actividade do centro comercial aberto para fomentar o consumo nos establecementos de proximidade

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este luns a campaña de “O Teu Verán na Zona Náutica” da man do Centro Comercial Aberto Zona Náutico, representado polo seu presidente, César Ballesteros. No acto, celebrado no establecemento Ana Lovely Clothes Outlet, na rúa Serafín Avendaño, a representante autonómica destacou o apoio do Goberno galego ao comercio local para fomentar o consumo nos establecementos de proximidade.

“Quero animar á cidadanía a mercar no comercio local e quero felicitar aos organizadores desta iniciativa para incentivar as compras nunha das zonas máis visitadas da cidade, tanto por turistas como polos cidadáns”, sinalou. Ortiz destacou a liña de axudas outorgada tanto a asociacións de comerciantes como federacións, así como as subvencións para implantar e impulsar a estratexia dixital e modernizar o sector comercial.

Ortiz tamén indicou que a través desta campaña, os responsables de Zona Náutico, pretenden dar visibilidade a área comercial de toda a contorna, un espazo aberto ao mar no centro da cidade. A campaña, que comeza este martes e remata o 15 de xullo, pretende estimular as compras directas nos establecementos asociados.

César Ballesteros, presidente de Zona Náutico, explicou que durante esta iniciativa sortearanse cinco tarxetas de 100 euros entre os clientes con compras mínimas de 12 euros. Ademais, a participación pode duplicarse no caso de que os compradores publiquen unha foto nas redes sociais do local ou do producto etiquetando ao establecimiento e á asociación Zona Náutico.