A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe en rolda de prensa da situación do abastecemento a Vigo e a súa área

A XUNTA ADVIRTE DE QUE O RETRASO NA MELLORA DA POTABILIZADORA DO CASAL IMPIDE CONSUMIR O 40% DA AUGA ENCORADA EN EIRAS E LIMITA A GARANTÍA DE ABASTECEMENTO A VIGO AO MES DE NOVEMBRO

O encoro que abastece a Vigo é o maior e o que rexistra un maior volume de ocupación da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, polo que esta área sería a mellor preparada para afrontar a seca se a ETAP xa estivese reformada
Cunha porcentaxe de enchido do 77%, Eiras ten auga suficiente para abastecer ata xaneiro, pero a partir do 40% non pode consumirse porque a potabilizadora non ten capacidade para reducir os niveis de turbidez e de ferro
A Xunta dirixiuse hoxe por escrito ao Concello de Vigo para solicitar información sobre o estado das obras na potabilizadora e da previsión de actuacións de emerxencia que incrementen a súa eficiencia
A conselleira lembra que o Concello de Vigo, con máis de 20.000 habitantes, está obrigado a dotarse de Plan de emerxencia fronte a seca, do que carece, polo que debe tramitalo para aplicado canto antes
A delegada lamenta que o Concello non afrontase esa reforma na ETAP en anos nada pese a que en 2007 o propio alcalde recoñecía o problema da planta
Fernández-Tapias lamenta que pese a recadar cada ano 40 M€ polo servizo da auga, o Concello non modernizase a potabilizadora e destinase os cartos a facer beirarrúas

A Xunta advertiu hoxe de que o retraso na potabilizadora do Casal impide consumir o 40% da auga encorada en Eiras e limita a garantía de abastecemento a Vigo ao mes de novembro.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe nunha rolda de prensa sobre situación do abastecemento a Vigo e a súa área.

Vázquez Mourelle lembrou que Galicia vive unha situación de seca prolongada extraordinaria, xa que hoxe os caudais dos ríos son os máis baixos da historia desde que hai rexistros e os encoros de abastecemento de Galicia-Costa se atopan cunha ocupación 16% inferior ao do ano pasado, é dicir, cun volume do entorno do 72% fronte ao 88% do anterior exercicio.

Fernández-Tapias concretou que os encoros de Zamáns e de Baíña, en Baiona, están hoxe ao 51,74% e ao 51,15% da súa capacidade, respectivamente; e Eiras, en Vigo, do que se abastece a cidade maioritariamente, está ao 77,3% fronte ao 88,2% do ano pasado.

Pola súa banda, a delegada apuntou á deixadez do Concello, que demorou as actuacións para que a potabilizadora poida tratar toda a auga dispoñible, impide o seu uso e reduce a finais de novembro as garantías de abastecemento. Así, cando o encoro baixa da porcentaxe do 40% a auga ten uns niveis de ferro e turbidez que a ETAP do Casal non ten capacidade de tratar.

Marta Fernández-Tapias lembrou que o Concello de Vigo non fixo nada en todos estes anos, pese a que en 2007 xa o propio alcalde recoñecía o problema da potabilizadora municipal. Non obstante, fronte a este comportamento, o municipio veciño do Porriño ten unha planta de tratamento de auga potable capaz de tratar auga sexa cal sexa o volume do encoro de Eiras e o de Vigo só pode tratala cando o embalse está ao 40%.

A delegada territorial lembrou que o Concello de Vigo recada aproximadamente 40 M€ cada ano polo servizo da auga e debería investir en modernizar a ETAP, pero, en lugar diso, destina os cartos á humanización das rúas, poñendo o abastecemento en perigo.

Ethel Vázquez lamentou que  cinco anos despois, tras a seca vivida no ano 2017, o Concello non fixera nada para prepararse e anticiparse a unha situación que se constata que é cíclica, continuando co mesmo problema, xa que aínda non rematou as obras de mellora da planta.

A conselleira engadiu que o encoro de Eiras é o de maior tamaño e o que presenta un maior volume de ocupación da demarcación hidrográfica Galicia-Costa polo que, en circunstancias normais, a auga que actualmente almacena permitiría garantir o abastecemento ata xaneiro.

O Goberno galego solicitoulle hoxe ao Concello de Vigo por carta que informe sobre o estado das obras programadas na potabilizadora e a data de finalización prevista e se se estima realizar actuacións de emerxencia adicionais que incrementen a eficiencia da infraestrutura.

Tamén demandou información sobre o nivel do encoro de Eiras a partir do cal a potabilizadora municipal de Vigo non será capaz de subministrar auga á poboación coas garantías sanitarias, para poder telo en consideración para a xestión da seca nesa zona.

Polo tanto, subliñou que buscar no transvase do Verdugo ao Oitavén a solución aos problemas do Concello de Vigo non é unha alternativa eficaz nin viable, pois cando non chove, o caudal do río Verdugo é mínimo.

Ademais, Ethel Vázquez remarcou que o Concello de Vigo, pese a estar obrigado por lei como municipio de máis de 20.000 habitantes, non se dotou de plan municipal de emerxencia fronte a seca, tal como a Xunta vén reclamando.

A este respecto, instou ao Concello a redactar este documento e a tramitalo conforme a lexislación vixente para que poida ser aprobado polo organismo de conca, por Augas de Galicia, e aplicado coa maior brevidade posible.