A XUNTA ACORDA COS TAXISTAS DE VIGO PROMOCIONAR E DIFUNDIR O XACOBEO 2027 NA CIDADE
A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, mantivo unha xuntanza coa nova directiva da Cooperativa Central Radio Taxi
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este luns unha reunión de traballo coa nova presidenta da Central Radio Taxi, Nuria González, elexida o pasado mes de setembro polos autopatrotonos da maior cooperativa da cidade. Durante o encontro coa presidenta e a directiva, a representante autónomica acordou coa responsable que os taxistas vigueses colaborarán para promocionar a celebración do Xacobeo 2027.
“Os taxistas axudarán a difundir o Camiño da Costa en Vigo e así tamén colaborarán para que os peregrinos non se perdan pola falta de sinalización”, sinalou Ana Ortiz tras a xuntanza. As campañas de promoción do Xacobeo, a través de Turismo de Galicia, enmárcase no compromiso da Xunta co desenvolvemento turístico da cidade.
Na anterior celebración do Xacobeo, nos anos 2021 e 2022, tanto os hosteleiros como os comerciantes e os propios taxistas promocionaron o paso do Camiño Portugués da Costa por Vigo. No presente ano, o trazado que atravesa a cidade xa recibiu a preto de 90.000 peregrinos, o que supuxo un crecemento do 20 por cento respecto ao ano 2024.
