A XUNTA ABRIRÁ A NOVA ESTACIÓN DE AUTOBUSES O 1 DE AGOSTO SE O CONCELLO FINALIZA OS ACCESOS NO PRAZO ESTABLECIDO NA COMISIÓN DE SEGUIMENTO

A delegada territorial da Xunta en Vigo informou da data de apertura da Intermodal á espera de que o Goberno municipal acabe o nodo de entrada e saída á AP-9
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiu hoxe unha carta ao Concello  coa proposta para por en marcha a Estación de Autobuses en agosto
“Pedimos que envíen antes do 4 de xullo a confirmación oficial de que nesa data estará en servizo o acceso e a autorización do Ministerio”, sinalou Fernández-Tapias
O director de Mobilidade, Ignacio Maestro, adiantou que a Xunta está en disposición de iniciar o traslado da vella estación da Avenida de Madrid
Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestruturas, relatou os traballos levados a cabo pola Administración autonómica na nova infraestrutura cun investimento de 18 millóns

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou este luns da data prevista pola Xunta para a posta en marcha da Estación de Autobuses Intermodal de Urzaiz o vindeiro 1 de agosto se o Concello cumpre os prazos establecidos. Nunha carta remitida hoxe mesmo ao Goberno local, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade solicitou ao Concello a confirmación de que nesa data estarán en servizo os accesos necesarios, tal e como comunicou na Comisión de Seguimento do 2 de xuño, e dispón polo tanto da autorización pertinente do Ministerio de Transportes.

Nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o director da AXI (Axencia Galega de Infraestruturas), Francisco Menéndez, a representante autonómica sinalou que con esa confirmación do Goberno local a Xunta activará o procedemento para o traslado da estación da Avenida de Madrid, que inclúe un complexo proceso de información a concesionarios e usuarios cunha antelación suficiente.

“Por que motivo non ía querer a Xunta poñer en servizo unha estación de autobuses finalizada logo dun investimento de 18 millóns de euros? O que necesitamos é que nos trasladen oficialmente, antes do 4 de xullo e con papeis, a data concreta en que poderán entrar e saír os autobuses desde os novos accesos á estación, así como a autorización imprescindible do Ministerio de Transportes para facelo”, sinalou Fernández-Tapias.

Segundo destacou durante a súa intervención, a  Estación Intermodal está terminada e recepcionada desde o 10 de xuño e forma parte de todo o gran proxecto que a Xunta fixo posible, incluído o Centro Vialia, aprobando unha Lei para evitar que Vigo queda bloqueada ao anularse o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Pola súa banda, Francisco Menéndez amosou o proceso de construción da nova infraestrutura, así como dos tramos dos túneles que lle correspondeu á Xunta na zona subterránea baixo a estación. O director da Axencia Galega de Infraestruturas tamén explicou en detalle os motivos polos que os autobuses non poden acceder a estación se non están rematados tanto os túneles como as entradas en superficie.

Ademais, Ignacio Maestro explicou a Xunta ten unha experiencia recente na posta en servizo de novas estacións de autobuses, posto que o ano pasado trasladou as estacións de Ourense e de Santiago, onde eses procesos realizáronse sen problemas e sen conflitos. “Os usuarios da estación de autobuses de Vigo poden estar tranquilos porque van dispoñer de toda a información sobre o cambio e a van a ter coa anticipación suficiente, ao igual, loxicamente, que o Concello”, apuntou.