A XUNTA ABRE UN NOVO ESPAZO CULTURAL EN VIGO E PROGRAMA UNHA XORNADA ÍNEDITA CON MÚSICOS E CREADORES LOCAIS NO MUSEO DO MAR DE GALICIA
A delegada territorial, Ana Ortiz, e a directora do museo, Marta Lucio, deseñan un novo evento en xullo xunto á Asociación Sociocultural e Deportiva Over
Música en directo, mercado de artesanía, deporte acuático, creación galega contemporánea e educación ambiental no recinto museístico
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucío, mantiveron este luns un encontro cos responsables da Asociación Sociocultural e Deportivo Over co obxectivo de deseñar un novo evento cultural no recinto museístico na cidade.
Durante a reunión celebrada na Delegación Territorial, acordouse celebrar a Xornada Cultural Mar de Galicia o vindeiro 18 de xullo co obxectivo de “apostar pola talento” local. “Grazas a esta iniciativa creamos un novo espazo cultural na nosa cidade e damos a oportunidade de que músicos, grupos e creadores locais teñan o lugar que merecen para amosar a súa calidade”, sinalou Ortiz.
Segundo explicou a representante autonómica, o evento contará con dous escenarios de música en directo, pero tamén un mercado de artesanía, actividades de deporte acuático e un espazo de conciencia azul. Ao longo das vindeiras semanas desvelaranse as bandas locais que participarán na Xornada Cultural Mar de Galicia.
Pola súa banda, Roi Torres, director da Asociación Sociocultural e Deportivo Over, explicou que a xornada está concibida como un evento aberto, participativo e interxeracional, no que cultura, deporte, conciencia ambiental e convivencia cidadá se desenvolven de maneira fluída ao longo do día. “A Xornada Cultural Mar de Galicia é un evento aberto e accesible á cidadanía de todas a idades, pensado para xente nova, familias e amantes da música, a moda o vintage e con conciencia ambiental, cun enfoque que valora o feito na cidade de Vigo polos seus artistas”, apuntou.
