A Xunta abre o novo aparcadoiro disuasorio de Nigrán, na estrada Gondomar-A Ramallosa, con 72 prazas
Ana Ortiz visitou este mércores a nova infraestrutura que se construíu no ámbito da autoestrada AG-57 e a PO-340 (Gondomar-A Ramallosa)
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este mércores o ámbito da autoestrada AG-57, na súa conexión coa PO-324 (Gondomar-A Ramallosa,) para a posta en marcha do novo aparcadoiro disuasorio que supuxo un investimento de preto de 650.000 euros.
Trátase dunha nova actuación da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.
Segundo lembrou a representante autonómica, a superficie total construída é de 3.500 metros cadrados para a creación de 72 prazas de aparcamento con dúas prazas para persoas con mobilidade reducida e a preinstalación de tres puntos de recarga para vehículos eléctricos.
A obra dá continuidade á senda peonil existente na PO-340 e constrúe zonas verdes con arboredo para sombra, ademais dunha franxa verde de 2,20 metros e un illote central axardinado. Ademais, reponse a parada de bus existente á entrada do aparcadoiro e habilítanse cinco pasos de peóns para dar continuidade ao tránsito peonil.
Ana Ortiz tamén engadiu que se instalou unha rede de drenaxe para a recollida de pluviais, a cal conecta a través de cuneta co río Miñor, e instalouse iluminación pública e vídeo vixilancia.