A vicepresidenta Luisa Sánchez remarca o compromiso coa creatividade e o talento da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou esta tarde na Estación Marítima de Vigo no acto de entrega de premios da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón. No acto, presentado polo xornalista Fernando Ónega, tamén tomaron a palabra o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o presidente do Grupo Terras Gauda, José María Fonseca  e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana.

Sánchez felicitou á organización polo éxito da convocatoria, con preto de 1.300 carteis chegados desde 70 países do mundo, e subliñou tamén a calidade das propostas: “Son auténticas obras de arte cheas de vida, modernas, artísticas e creativas”.  Ademais subliñou a posta en marcha de iniciativas como esta que contribúen “a poñer en valor o mundo da publicidade, do deseño gráfico e da ilustración e a visibilizar todo o talento que hai”.