A vicepresidenta Luisa Sánchez remarca a relevancia dos Premios da Crítica para recoñecer “a excelencia das persoas e colectivos máis destacados nos ámbitos da creación en Galicia”
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de participar no acto de entrega dos Premios da Crítica de Galicia onde remarcou a súa relevancia para “recoñecer a excelencia das persoas e colectivos máis destacados nos ámbitos da creación na nosa comunidade”. Sánchez puxo en valor que “nestes 47 anos foron xa máis de 300 as persoas e entidades galardoadas” que, xunto coas premiadas neste 2024, mencionando especialmente a Antón Pulido, “constitúen boa mostra de que o compromiso con Galicia e coa cultura galega está máis vivo que nunca”.
Tamén aproveitou a ocasión a vicepresidenta provincial para subliñar o compromiso da Deputación coa cultura. “Queremos que estea máis viva que nunca e por iso é un dos eixos prioritario do goberno provincial”, asegurou ao tempo que concluíu destacando que “esta provincia avanza, medra e vai a máis pola implicación, compromiso e dedicación de xente coma vós”.
