A vicepresidenta Luisa Sánchez participa na inauguración do Congreso Acción e Implicación de Empresarias Galicia

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou esta mañá no acto de inauguración da oitava edición do congreso Acción e Implicación, de Empresarias de Galicia, que reúne en Vigo a emprendedoras e profesionais líderes de toda a comunidade para debater arredor de temas como o márketing, a intelixencia artificial ou o talento, entre outros. No acto, Sánchez celebrou que “cada vez son máis as mulleres que apostan por poñer en marcha o seu proxecto, cun colectivo de autónomas que creceu un 32% na provincia nos últimos 20 anos”. Malia iso, destacou que “aínda queda moito camiño por percorrer para incorporar ás mulleres nas altas esferas empresariais” e por este motivo destacou que é  “fundamental” organizar foros e encontros como este de Empresarias Galicia, “nos que se visibilizan os logros das mulleres e serven de altofalante”.

A vicepresidenta provincial aproveitou a ocasión para remarcar o “firme e irrenunciable compromiso da Deputación coa igualdade como eixo transversal da nosa acción, porque é un dos grandes retos, e daremos os pasos necesarios para conseguir esa plena e ansiada igualdade entre homes e mulleres”.