A vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez participa na presentación do III Concurso de Escaparates de Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou hoxe na presentación do III Concurso de Escaparates de Vigo “Ilumina o teu escaparate”, unha iniciativa á que á Deputación se suma por vez primeira e que “pon en valor unha vez máis que temos un firme compromiso para dinamizar esa cidade e convertela nun gran eixo económico, social, cultural e deportivo”. O certame está dirixido aos comercios da cidade, que poderán participar cunha fotografía do seu escaparate de Nadal e repartirá tres premios, de entre 150 e 400 euros, que se entregarán nunha gala, así como varios sorteos.

Sánchez aproveitou para anunciar que a sede provincial de Vigo acollerá unha clase maxistral sobre merchandising, atención ao cliente, redes sociais e escaparatismo de Nadal, aberta a todos os comerciantes de Vigo. “Seguimos traballando unidos, da man, sumando esforzos para que Vigo avance e para que esta provincia vaia a máis – asegurou a vicepresidenta-. E iniciativas como esta son fundamentais para dinamizar o comercio desta cidade, tan importante para a nosa economía”.