A vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez participa na presentación do concurso internacional de piano cidade de Vigo
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou esta tarde na presentación e concerto inaugural do VIII Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo, “o evento de música clásica de Galicia máis internacional” organizado pola Asociación Música Clásica de Galicia. Sánchez remarcou que esta cita, “na que poderemos desfrutar de grandes músicos chegados de todas as partes do mundo”, tiña que desenvolverse en Vigo, “porque esta cidade respira música e cultura polas súas catro costas e conta co primeiro conservatorio superior de música de Galicia e un dos máis prestixiosos do norte de España”.
“Este concurso –subliñou Luisa Sánchez- destaca pola súa calidade e polos nomes das persoas que participan nel, pero tamén por facer as cousas de forma diferente, rompendo os esquemas habituais doutros concursos”. Neste eido a vicepresidenta provincial remarcou a programación deseñada pola Asociación Música Clásica de Galicia para a oitava edición do concurso e agradeceu a posta en marcha desta iniciativa que “fai a nosa cultura algo moi grande”.