A VICEPRESIDENTA DA DEPUTACIÓN LUISA SÁNCHEZ DESTACA O “LUGAR PRIVILEXIADO” DE VIGO NA VELA NA PRESENTACIÓN DO CAMPIONATO DE ESPAÑA CLASE VAURIEN

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, participou na presentación do Campionato de España Clase Vaurien, que reunirá ata o vindeiro domingo 31 de marzo a máis dunha trintena de tripulacións de toda a provincia, na que destacou q importancia de que Vigo volva ser sede desta competición. “Estou segura de que será o mellor Estatal da historia, porque se de algo somos expertos nesta cidade é en organizar competicións e eventos deportivos de primeiro nivel”, asegurou, ao tempo que lembrou que pola ría viguesa teñen pasado ao longo dos últimos anos todas as competicións oficiais.

Nesa liña, destacou que o Club Náutico e Vigo “seguen ocupando un lugar privilexiado dentro da vela a nivel nacional, algo que vemos cada ano, triunfo tras triunfo”. Tamén aproveitou a ocasión para louvar a calidade dos deportistas náuticos vigueses, “cunha lenda, a da flota viguesa, que comezou hai máis de 40 anos. Xa non só o presente, con nomes como Tone Pérez, senón que o futuro tamén é prometedor”.

A responsable provincial de Deportes confirmou ademais o apoio da Deputación tanto á Federación Galega de Vela como ao Real Club Náutico de Vigo e a AsVaurien España “polo voso traballo por Vigo e co deporte náutico. Consideramos fundamental manter un firme compromiso co deporte e coas persoas e entidades que o impulsan”.