A Unidade da Dor Crónica, recoñecida a nivel nacional pola súa atención en telemedicina durante a pandemia
Obtivo o primeiro posto na convocatoria dos premios E-nnova Health 2021 na categoría de telesaúde
Presentou o traballo “Telemedicina, unha nova ferramenta para a xestión da dor”, sobre a adaptación dixital durante os meses máis duros da pandemia
Premiouse por ser unha iniciativa dixital en saúde que achega valor e mellora á calidade de vida dos pacientes
A Unidade da Dor Crónica do hospital do Meixoeiro do Chuvi vén de ser recoñecida a nivel nacional pola súa adaptación á novas tecnoloxías no tratamento aos pacientes durante os meses máis duros da pandemia.
O recoñecemento produciuse ao obter o primeiro posto na primeira edición dos premios E-nnova Health 2021, convocados polas publicacións Diario Médico e Correo Farmaceútico para galardoar as iniciativas dixitais en saúde que achegasen valor e melloras á calidade de vida dos pacientes.
O traballo gañador na categoría de telesaúde e e-learning titulouse “Telemedicina, unha nova ferramenta para a xestión da dor”. Nel explícase a adaptación ás novas tecnoloxías que levou a cabo a Unidade entre marzo e maio de 2020.
“A Unidade, tras o inicio da pandemia, esforzouse en non suspender consultas, debido á importante cantidade de solicitudes. Por ese motivo, decidimos iniciar, desde o primeiro momento a teleconsulta como medio para estar en contacto cos pacientes”, explica a doutora Mónica Mayo, unha das autoras do traballo.
Nun marco tan excepcional, a Unidade da Dor Crónica (UDC) tentou optimizar os seus recursos, sopesando o risco-beneficio para os pacientes nese período tan complicado. De feito, entre o 14 de marzo e 25 de maio do 2020 os profesionais da Unidade efectuaron 1.500 actos médicos.
A doutora Mayo subliña que “a actividade da UDC da nosa área durante a pandemia do SARS-CoV-2 realizouse sen suspensións nin demoras na atención, evitando desprazamentos innecesarios á consulta presencial, mellorando a organización da axenda hospitalaria, optimizando os niveis de prioridade e con alto grao de satisfacción dos pacientes”.
Grupos de pacientes beneficiados
Da análise dos resultados que obtivo a Unidade durante aquel período constatouse a existencia de determinados grupos de pacientes que se beneficiaron desa estratexia de traballo mediante a telemedicina.
Así, a ferramenta dixital achega eses beneficios a pacientes que solicitan consulta por primeira vez, para establecer un cribado ou screening de primeiras consultas; a aqueles que están en seguimento para a revisión dos diferentes tratamentos; aos enfermos fráxiles; e aos pacientes en tratamento con fármacos opioides ou con acción sobre o sistema nervioso central para control dos efectos secundarios.
Este cambio no modo de traballar permitiu avanzar e aprender outras ferramentas organizativas e asistenciais tanto para os profesionais como os pacientes.
“O noso seguinte paso, que xa estamos niso, será a implementación na consulta diaria de TELEA, a plataforma de asistencia domiciliaria que permite o acceso telemático aos pacientes no seu domicilio e o seu control en tempo real por parte dos profesionais sanitarios”, afirma Mónica Mayo.
