A ‘TRIPLE CORONA ILLAS ATLÁNTICAS’ ABRE O LUNS O PRAZO DE INSCRICIÓN DA PRIMEIRA PROBA QUE SE DESENVOLVERÁ ENTRE CÍES E BAIONA PARA 160 PARTICIPANTES
A travesía a nado entre as praias de Rodas e Ribeira, na que colabora a Xunta, celebrarase o 10 de setembro
Os deportistas que disputen as tres probas previstas nas Rías Baixas ata 2024 percorrerán un total de 57 quilómetros a nado
Marta Fernández-Tapias salienta que a proba “é un gran reto de carácter competitivo co que se pon en valor a riqueza ambiental e paisaxística das augas das Rías Baixas, así como os tesouros do Parque Nacional”
A Triple Corona Illas Atlánticas abre o vindeiro luns, 4 de abril, ás 10,00 horas, o prazo de inscrición para a primeira proba, que se desenvolverá entre as illas Cíes e Baiona o 10 de setembro deste ano. Esta travesía a nado, na que colabora a Xunta, unirá as praias de Rodas e da Ribeira ao longo de 15 quilómetros.
A inscrición na terceira edición da Triple Corona poderase realizar a través da web Champion Chip Norte, ata completar o cupo de 160 participantes. Entre as novidades desta nova cita dunha das probas de ultrafondo máis duras de España está o uso obrigatorio de boia, así como dun sistema de localización GPS para o coñecemento da posición de cada nadador e o seguimento de cada participante a través de Internet.
A travesía a nado sairá o sábado 10 de setembro desde a praia de Rodas, en Cíes, atravesará as tres illas do arquipélago percorrendo toda a baía de Baiona, e chegará ata a praia da Ribeira, en Baiona, onde estará localizada a meta.
A deste ano será a primeira das tres probas que conforman a Triple Corona. As persoas que participen en todas percorrerán un total de 57 quilómetros a nado: tres travesías a nado de 15, 19 e 23 quilómetros de distancia —esta última, unha das máis longas de España—, que se disputarán nas rías de Vigo, Arousa e Pontevedra entre 2022 e 2024. Cada unha delas sairá dunha illa do Parque Nacional: Cíes, Sálvora e Ons, respectivamente.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, salienta que a proba “é un gran reto de carácter competitivo co que se pon en valor a riqueza ambiental e paisaxística das augas das Rías Baixas, así como os tesouros do Parque Nacional”. Engade que este evento deportivo xa está consolidado como “unha das citas máis importantes a nivel nacional e no estranxeiro dentro do calendario de natación de augas abertas”.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda apoia esta proba pola defensa que fai sobre a riqueza natural das Illas Atlánticas de Galicia e pola promoción das Rías Baixas. Paralelamente a cada unha das probas celebraranse distintas actividades como visitas guiadas ao Parque Nacional e un concurso fotográfico para escoller as tres mellores imaxes de cada un dos tres arquipélagos.