A RÉPLICA DA MAQUETA DO PLAN PALACIOS VOLVE A VIGO TRAS EXHIBIRSE EN MADRID CATRO MESES CON MOTIVO DO 150 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DO ARQUITECTO PORRIÑÉS

As pezas, elaboradas polo alumnado do Instituto IES Politécnico, regresan ao hall do edificio da Delegación da Xunta de Galicia en Vigo para ser expostas de novo tras estar cedidas en préstamo temporal
O Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid custodiou a maqueta para amosar ao público durante catro meses dentro da exposición “Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruido del tiempo”

A réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo xa está de novo na cidade despois de ser exposta catro meses no Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM) para celebrar o 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés Antonio Palacios. As pezas, que desde 2022 estiveron na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, regresaron ao hall do edificio administrativo tras ser cedidas pola Goberno galego en préstamo temporal para formar parte da exposición que celebrou o colexio madrileño desde o 19 de setembro ata o pasado 9 de febreiro.

A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, e a directora do Museo Mar de Vigo, Marta Lucio, xunto cos productores e responsables da montaxe, Javier Fondevila e David Queimaño, asistiron este mércores á reapertura ao público da maqueta. “A cesión axudou a dar a coñecer a figura deste arquitecto universal é significou unha mostra máis da gratitude permanente que debemos ter con el. A maqueta é testemuña do Vigo soñado por Palacios, unha figura comprometida co progreso da sociedade da súa época e que soubo conxugar modernidade e tradición”, sinalou Ana Ortiz.

A cesión temporal fora solicitada pola Fundación Arquitectura COAM para ser exposta na súa sede dentro da mostra Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruido del tiempo. A peza que recrea o Gran Vigo do urbanista galego formou parte da exposición Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia, que permaneceu aberta o público no Museo do Mar, desde setembro de 2021 ata o mes de marzo de 2022, con grande éxito entre o público. Desde maio de 2022 estivo instalada na planta baixa da sede autonómica á vista de miles de vigueses e viguesas.

Traballo do IES Politécnico

O persoal docente e alumnado do Instituto IES Politécnico de Vigo que levou a cabo a réplica contou co traballo de Virtualización 3D de Carlos Paz e Anxo Miján, do Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) e co debuxante arqueolóxico Paco Boluda. Ademais, tivo o asesoramento histórico do Grupo de Investigación e Urbanismo da Facultade de Historia da Universidade de Santiago, a cargo do catedrático Jesús Ángel Sánchez García.

Antonio Palacios

Recoñecido por diferentes estudosos como a figura de maior interese na arquitectura española dos primeiros anos do S.XX, Antonio Palacios naceu no Porriño en 1874 e morreu en Madrid en 1945. Estudou arquitectura en Madrid, cidade na que levou a cabo un dos seus primeiros proxectos tras gañar, xunto ao seu compañeiro de carreira Joaquín Otamendi, o primeiro premio no concurso para construír o Palacio de Comunicacións de Madrid, en Cibeles.

Na súa ampla carreira profesional levou a cabo numerosos proxectos tamén en Galicia, incluíndo varios para reformas urbanas e plans de ensanche e modernización, como os preparados para Vigo e Vilagarcía de Arousa nos anos 20, entre outros.