A “NAO VICTORIA” ABRE AS SÚAS PORTAS EN VIGO DA MAN DA XUNTA E DO PROXECTO EUROPEO EXPLORATERRA 2022

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou o navío que estará no Porto de Vigo ata o vindeiro domingo con acceso gratuíto
A representante autonómica destacou a importancia de preservar, valorizar e promover o patrimonio cultural vencellado á era das grandes expedicións marítimas

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este xoves a “Nao Victoria”que arribou ao porto vigués para abrir as súas portas ao público da man da Xunta e do proxecto europeo Exploraterra. O navío estará amarrado ata o vindeiro domingo na dársena de Transatlánticos, xunto aos remolcadores da Autoridade Portuaria, e a entrada será gratuíta.

A iniciativa Exploraterra está liderada pola Fundación Nao Victoria, financiada con Fondos Feder a través do programa Interreg V, e conta coa participación da Xunta entre outras institucións, co obxectivo de por en valor e promover o coñecemento do patrimonio cultural e histórico asociado ás viaxes de descubrimento.

Neste sentido, a representante autonómica acentuou a importancia de impulsar iniciativas que contribúan a “preservar, valorizar e promover o patrimonio cultural” e destacou a especial vinculación de Galicia á era das grandes expedicións marítimas cun “importante protagonismo histórico”.

Segundo informou Fernández-Tapias, Turismo de Galicia participa nesta iniciativa cultural cunha achega de preto de 300.000 euros destinada a un conxunto de accións que se desenvolven no marco do Exploraterra, e que tamén inclúe a rehabilitación integral da carabela “A Pinta”, un novo espazo dixital con ferramentas TIC na Casa da Navegación en Baiona e a elaboración dunha exposición itinerante e un documental baseado na temática do proxecto.

Referiuse así ao ambicioso programa cultural do proxecto Exploraterra como un complemento turístico máis para o Camiño Portugués da Costa, que enriquece así a súa oferta para os turistas e peregrinos que este ano se acheguen a Vigo e Galicia coincidindo co Ano Santo.