A escola do Hospital estrea humanización

A artista Iria Blanco realizou varias intervencións decorativas para dotar de calidez á nova aula hospitalaria
Esta intervención foi realizada grazas ao patrocinio da  Asociación Bicos de Papel e a colaboración da empresa de mantemento do hospital, Veolia
Durante o proceso pictórico varios menores ingresados axudaron á artista de xeito espontáneo
Enlace ao video:  https://youtu.be/Zbrk1a_LH_c

A Aula hospitalaria de Pediatría do Álvaro Cunqueiro  estreou este curso novas instalacións reformadas, dotadas de maior amplitude e servizos. Agora,  ven de ser humanizada grazas á intervención decorativa realizada pola pintora e muralista  Iria Blanco.

A artista desenvolveu varias actuacións pictóricas tanto nas paredes da Aula como nalgún corredor da Unidade de Hospitalización pediátrica . “O obxectivo era crear un espazo cálido para que os nenos e nenas, os seus familiares e os profesionais desfruten dun entorno de creatividade, con alusións á lectura, música, pintura así como aos animais e  natureza, para que  relativicen o proceso da súa enfermidade e os acompañe a alegría da Arte durante o seu ingreso hospitalario. Mentres pintaba, varios menores ingresados se achegaron de xeito espontáneo e quixeron participar, o que me permitiu achegarme a eles  e observar a maxia do poder terapéutico da pintura”.

O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, visitou a Aula e agradeceu a colaboración de Bicos de Papel e do servizo de Mantemento da Concesionaria do Hospital, Veolia Servicios Norte  pola seu apoio desinteresado a este proxecto.

Ademais,  o xerente confirmou que ”ter un espazo máis amable, cálido e adaptado ás necesidades dos nenos hospitalizados e as súas familias, diminúe o seu estrés e favorece as emocións positivas, facilitando tamén as accións terapéuticas e a relación de confianza que se establece co persoal”.

A Aula Hospitalaria conta con dúas profesoras, cuxo traballo consiste en que os menores hospitalizados perdan a menor actividade escolar posible durante o seu ingreso. Para iso, unha das profesoras permanece nas instalacións da aula e atende aos pacientes que poden saír das súas habitacións, mentres a outra atende as necesidades educativas daqueles que por prescrición médica non poden abandonar a habitación.O pasado curso escolar atendeuse a unha media diaria de máis de 20 alumnos e alumnas.