A deputada Teresa Egerique solicita no Parlamento que o Goberno central retire o recurso presentado contra o Plan Xeral de Explotación Marisqueira

Coa abstención do PSdeG, maniféstase a oposición ante un novo ataque inxustificado do Goberno de España ao marco competencial vixente

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha iniciativa do Grupo Popular a través da que se insta ao Goberno central a que retire, de xeito inmediato, o recurso contencioso-administrativo presentado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico dirixido a derrogar o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o período 2021-2023.

Así mesmo, e coa abstención do Grupo Socialista, maniféstase a oposición da Cámara galega ante un novo ataque inxustificado do Goberno de España ao marco competencial vixente, e nomeadamente as competencias exclusivas da Xunta de Galicia, neste caso a través do complexo mar-industria e, moi en particular, do labor das mariscadoras e mariscadores galegos.

DEFENDER OS INTERESES GALEGOS

A través da iniciativa do Grupo Popular, defendida pola deputada viguesa Teresa Egerique, solicítase que o Goberno galego faga público o expediente completo sobre o Plan Xeral de Explotación Marisqueira 2021- 2023, ao tempo que desenvolva as accións precisas para defender ata as últimas instancias os intereses do sector marisqueiro galego. “Estamos a falar dun modelo de xestión dos recursos autónomo, con décadas de historia e baseado na coxestión dos recursos, e que ten demostrado a súa eficacia”, dixo a portavoz popular do Mar, Teresa Egerique.

Por último, o acordo pide ao Goberno do Estado a activación da Comisión de Transferencias co obxecto de iniciar o procedemento para o traspaso das competencias pendentes a Galicia, nomeadamente, e tal e como se acordou polo pleno do Parlamento no mes de marzo, a xestión do dominio público marítimo-terrestre e a ordenación do sector pesqueiro e de investigación oceanográfica.