A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E O PORTO DE VIGO EXPLORARÁN POSIBLES VÍAS DE COLABORACIÓN EN MATERIAS DE INTERESE PARA AMBAS INSTITUCIÓNS
A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, mantiveron a súa primeira reunión oficial co foco posto na cooperación
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, mantiveron este martes unha reunión, a primeira oficial tras os seus respectivos nomeamentos, centrada na colaboración entre ambas as dúas institucións en materia de interese mutuo.
Un encontro, celebrado na sede viguesa da institución provincial, no que tanto Fernández-Tapias como Botana destacaron a importancia de explorar posibles vías de cooperación, «aproveitando sinerxías comúns para impulsar proxectos conxuntos», tal e como coincidiron en sinalar.
Sen entrar en detalles, xa que admitiron que aínda é pronto, reiteraron o seu compromiso co sector náutico, como fonte de dinamización turística e económica. Así mesmo, entre outras cuestións, acordaron estudar como aproveitar ao máximo o uso cultural e deportivo das distintas instalacións existentes na ría de Vigo.