A DELEGADA DA XUNTA DESTACA A OFERTA FORMATIVA DO CIFP COIA COMO “REFERENTE” EN TECNOLOXÍA INDUSTRIAL
Ana Ortiz visitou este luns o Centro Integrado de Formación Profesional da Xunta de Galicia no que estudan preto de 350 alumnos
Nas instalacións de Coia impártense cursos de AFD, ciclos de Robótica, Mecatrónica e Electromecánica e tamén ofrece formación en colaboración con CEAGA
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) de Coia no que estudan actualmente un total de 350 alumnos. Acompañada polo xefe territorial de Promoción de Emprego e Igualdade, José Antonio Fachado, a representante autonómica realizou un percorrido polo CIFP xunto ao director, José Vizcaya, e a xefa de estudos, Natalia González.
“O CIFP de Coia é un referente en Galicia para a formación profesional e temos que estar moi orgullosos do traballo que realiza o profesorado, que se ve refrendado no alto índice de empregabilidade”, sinalou Ana Ortiz.
Os responsables do centro explicaron que un total de nove profesores imparten os ciclos superiores de Automatización e Robótica Industrial e Mecatrónica, ademais do ciclo medio de Mantemento Electromecánico a un total de 151 alumnos. Ademais, outros 200 asisten a cursos AFD especializados en Electricidade e Electrónica, Fabricación Mecánica, Instalacións e Mantemento, Transporte e Mantemento de Vehículos e Formación Complementaria. Tamén hai cursos en colaboración co Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA).
A delegada sinalou que “o Goberno galego prima as accións formativas que tratan de anticipar a formación ao novo modelo produtivo, coa mirada posta nos sectores máis innovadores e adaptados ás necesidades da economía da área de Vigo”.
Así mesmo, apuntou que a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade subvencionará na área viguesa un total de 283 cursos formativos (92 máis que o pasado ano) no marco do plan AFD (accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas). A representante autonómica explicou que os cursos (263 presenciais e 20 de teleformación) contan cun investimento de 13,2 millóns de euros (9,5 millóns en 2022) dunha partida económica para a provincia de 23 millóns (16,3 millóns en 2022). No conxunto da área viguesa serán 128.089 horas (92.613 horas o ano pasado) para un total de 4.545 alumnos.