A DELEGACIÓN DA XUNTA EN VIGO ACOLLE A LECTURA DO MANIFESTO DO 25N CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo acolleu este martes a lectura da Declaración Institucional do 25 de novembro con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.  A delegada territorial, Ana Ortiz, asistiu ao acto celebrado na fachada do edificio institucional da rúa Concepción Areal no que a directora territorial de Política Social, Ángeles Rouco, fixo lectura do manifesto.

Declaración Institucional 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

A violencia de xénero constitúe unha das violacións de dereitos humanos máis persistentes e devastadoras do noso tempo. Afecta a mulleres e nenas polo simple feito de selo, vulnerando a súa liberdade, integridade e dignidade. É un problema estrutural que se manifesta en todas as sociedades e en todos os ámbitos da vida. Impregnando todas as esferas da nosa sociedade.

Por iso, desde a Xunta de Galicia reafirmamos un ano máis o noso compromiso firme e sostido para previr, detectar e erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres, impulsando políticas transversais que alcancen os ámbitos onde as persoas conviven, comparten, aprenden, traballan e se desenvolven.

A eliminación da violencia esixe unha resposta integral, firme e coordinada. Supón educar na igualdade, ofrecer protección e acompañamento ás vítimas, e, sobre todo, actuar preventivamente para que ningunha forma de violencia atope espazo na nosa sociedade.

Desde o Goberno galego traballamos para desmontar a falsa idea de que esta loita se circunscribe ao ámbito privado ou asistencial. A violencia non ten límites, convive entre nós e está en todos os ámbitos, públicos e privados. E, polo tanto, a súa prevención debe abranguer toda a vida social.

Nesta liña, redobramos os nosos esforzos, e reforzamos tamén o compromiso para que Galicia sexa un territorio que diga NON ao machismo que perpetúa a violencia de xénero, que diga NON en todos os espazos e a cada unha das formas nas que se pode presentar esta violencia.

Este ano a nosa acción consolidouse en torno a tres eixos: prevención e detección, atención integral e independencia económica das mulleres vítimas. Deste xeito, no ámbito educativo, seguimos apostando pola sensibilización temperá nos centros escolares e universitarios, lugares clave para transmitir valores de respecto, corresponsabilidade e liberdade. A cultura, o deporte e o lecer tamén son espazos de socialización onde consolidar valores igualitarios e facémolo a través de colaboracións con federacións e asociacións culturais e deportivas.

No ámbito sanitario e asistencial, ampliamos a rede de atención cos centros de crise 24 horas, xa operativos nas principais áreas sanitarias, que dan acompañamento psicolóxico, xurídico e social a vítimas de violencia sexual. Así mesmo, reforzamos a rede de 84 Centros de Información á Muller (CIM), que son a porta de entrada máis próxima e humana para moitas mulleres que deciden iniciar un novo camiño.

Este 2025 damos un paso máis alá e ampliamos o foco cara o ámbito laboral, convencidos de que os centros de traballo son, para as persoas adultas, o que os centros educativos son para a mocidade: espazos onde convivimos, nos relacionamos e reproducimos ou mudamos valores sociais.

Con esta premisa, impulsamos ferramentas para promover entre os traballadores e traballadoras un maior coñecemento desta violencia, axudando a identificala e previla, así como dándolle información para poder informar e axudar a erradicala.

Neste obxectivo debemos involucrarnos todos, xa que a erradicación da violencia só será posible coa implicación total da sociedade galega. Non chega con condenar as agresións: é necesario identificar desigualdades, desmontar estereotipos e fomentar relacións de respecto e igualdade.

Temos claro que cada vez que calamos ante un comentario machista ou reenviamos mensaxes sexistas, o machismo gaña espazo na nosa sociedade. Desde o Goberno galego cremos firmemente que a loita contra a violencia de xénero é asunto de todas e todos nós, porque só a través da unión, da cooperación e da acción se combate a violencia contra as mulleres.

Por iso, a Xunta seguirá traballando para consolidar unha sociedade libre de violencia: ampliando recursos, reforzando a coordinación interinstitucional, formando profesionais e sensibilizando á cidadanía.

Como cada 25 de novembro, lembramos a todas as vítimas e reafirmamos o noso compromiso con elas. Sabemos que o camiño é longo, pero tamén que o esforzo conxunto está a transformar Galicia nunha terra máis igualitaria, máis xusta e máis libre.

Unha comunidade onde ningunha muller teña que vivir con medo polo simple feito de selo. Unha comunidade onde a igualdade sexa o principio que guíe a nosa convivencia. Un piar de futuro polo que apostamos e seguiremos apostando.