ANA ORTIZ DESTACA A FORMACIÓN LABORAL PARA 20 PERSOAS DESEMPREGADAS NO OBRADOIRO QUEDA EN MOS

A delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, inaugurou unha nova edición da iniciativa financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, inauguraron este venres unha nova edición do obradoiro Queda en Mos que permitirá formar durante os próximos meses a 20 persoas desempregadas grazas a unha achega de 524.052 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ao Concello de Mos.

Ana Ortiz animou aos participantes a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo. “A formación que recibides durante o último ano é unha ventá ao mercado de traballo e tanto a sociedade como as empresas, necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou.

Ademais, salientou a implicación da administración autonómica coa promoción do emprego na área de Vigo e salientou os estudos impartidos en Mos para desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos, Instalación de elementos de carpintería e traballos de carpintería e moble. A representante autonómica enfatizou o compromiso do Executivo galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos galegos e galegas, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos.

A delegada fixo así especial fincapé na ampla dimensión destes programas, por canto melloran a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.