A XUNTA LICITOU EN SÓ TRES SEMANAS 145 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA PARA NAVIA MOBILIZANDO UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 30 M€
A delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, visitou as dúas parcelas nas que se levantarán 41 novas vivendas
Os arquitectos Irisarri-Piñera son os autores do novo proxecto que inclúe dúas vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida
“Navia é a mostra do traballo inxente do Goberno galego en materia de vivenda e o ritmo de traballo en Vigo é imparable”, sinalou Ortiz
As novas obras serán licitadas por un importe de 8,9M€ para edificar nas parcelas M-IIIB-16 e M-IIIB-14 do polígono 2
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou xunto ao director territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, José Manuel González, e aos arquitectos Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera, dúas parcelas do polígono 2 de San Paio de Navia, nas que o Goberno galego acaba de licitar as obras para construír 41 novas vivendas de promoción pública.
A representante autonómica destacou que nas últimas tres semanas a Xunta xa licitou un total de 145 vivendas en Navia mobilizando un investimento de máis de 30 millóns de euros. “O ritmo de traballo é frenético, e non pode ser doutro xeito, é así como as administracións temos que responder ás necesidades da cidadanía viguesa, facilitando o acceso á vivenda”, sinalou.
Ana Ortiz explicou que o Consello da Xunta autorizou esta semana a licitación de dúas novas parcelas e este venres xa a publica a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, de forma que as empresas poden presentar ofertas ata o vindeiro 13 de xullo. “Xa contamos co proxecto redactado por Irisarri e Piñera e agora axilizaremos a tramitación para poder comezar canto antes as obras”, engadiu.
As obras para a construción do inmoble licitaranse por un importe de 8.885.331,75 euros, IVE incluído, e seguirán o proxecto adxudicado por importe de 320.311,20 euros, incluída a dirección de obra. Ao investimento hai que sumar o valor da parcelas en que se constrúen as vivendas, urbanizada pola Xunta de Galicia.
O proxecto ten por obxecto a construción de dous edificios para un total de 41 vivendas de promoción pública, 41 garaxes e 41 rochos nas parcelas M-IIIB-16 e M-IIIB-18 do Plan parcial de San Paio de Navia, en Vigo. Os arquitectos destacaron durante a vista que o proxecto deseña fogares accesibles, luminosos e espazos comúns abertos con todos os estándares de calidade e eficientes enerxéticas.
300 novas vivendas desde marzo
“Navia é unha magnífica mostra deste traballo inxente por parte do Goberno galego, levamos tres Consellos da Xunta consecutivos autorizando licitacións de obras para máis vivendas públicas en Vigo”, apuntou Ana Ortiz antes de lembrar que entre marzo e abril a Xunta licitou case 300 novas vivendas, por un total de 63,6M€.
A delegada territorial engadiu que actualmente en Navia hai actualmente 927 vivendas públicas en diversas fases de execución, das que 309 se atopan xa en obras. “Estamos ante cifras que falan por si soas: unha aposta sen precedentes pola vivenda pública nesta cidade”, rematou.
