Luisa Sánchez destaca a «dilixencia» da actual Deputación nos pagos ao Concello de Vigo fronte ás demoras de ata 28 meses do mandato anterior

A vicepresidenta revela que o bipartito abandonou a institución sen pagar un millón de euros á cidade e tardou máis de dous anos en abonar facturas da reforma de Balaídos
A representante provincial na cidade advirte de que o goberno local ten pendentes varios envíos de documentación para poder transferir fondos á administración municipal

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, destacou a “dilixencia, eficacia e axilidade” da institución provincial nos pagos ao Concello de Vigo vencellados aos convenios bilaterais asinados entre ambas administracións e acusou ao alcalde, Abel Caballero, de calar ante demoras de ata 28 meses durante o mandato anterior.

A este respecto, revelou que o bipartito abandonou o organismo provincial con facturas pendentes que sumaban un importe dun millón de euros e que levaban un ano sen pagar. Foi o actual goberno o que fixo fronte a todas elas, relativas a melloras en diferentes infraestruturas viarias da urbe olívica.

Ademais, informou de que o goberno anterior tardou máis dun ano e medio en abonar ao Concello de Vigo 1,9 millóns de euros comprometidos para a humanización da Ronda Don Bosco. Do mesmo xeito, empregou dous anos e catro meses en transferir 513.000 euros polos traballos realizados para reformar as bancadas de Río e Marcador, no estadio de Balaídos, e para redactar o proxecto de Gol.

“Que cualificativo merecerían para Abel Caballero estas demoras nas que incorreu Carmela Silva? Por que nese momento non alzou a voz contra a Deputación?”, preguntouse a vicepresidenta provincial. Segundo expuxo, ao rexedor “non o move a defensa da cidade, senón o sectarismo e o insulto gratuíto”. “No seu afán por atacarme, o alcalde deixa en mal lugar a Silva”, engadiu.

Envío de certificacións

Luisa Sánchez tamén afeou ao Concello de Vigo que almacene certificacións de obra para mandalas de golpe, pretendendo que os técnicos provinciais resolvan esa acumulación de documentación en días.

Ao fío, citou atrasos de varios meses á hora de enviar certificacións de obras como as do Campo de Fútbol das Relfas, a Estrada Clara Campoamor, o Parque Nelson Mandela de Navia, o ascensor da rúa Juan Ramón Jiménez, as ramplas da rúa Pintor Colmeiro, a humanización da rúa San Roque ou a reforma da bancada de Gol do estadio de Balaídos. Así, instouno a remitir esa documentación de xeito regular.

Na mesma liña, a representante provincial na cidade advertiu de que o goberno local ten pendentes varios envíos de documentación para poder transferir fondos á administración municipal

En calquera caso, Luisa Sánchez recordou que entre administracións públicas non se pode falar de morosidade nin se pode aplicar o período medio de pago, polo que pediu ao alcalde vigués “máis seriedade, rigor e respecto polo traballo dos funcionarios provinciais e municipais”.

Por último, recordou que a “súa carta de presentación” ao chegar á Deputación foi o rescate de 6,2 millóns de euros que Vigo ía perder por culpa da “mala xestión” do goberno local. Unha situación que o propio Caballero “admitiu pola vía dos feitos” ao asinar os convenios bilaterais que xurdiron dese rescate.