ORTIZ APOSTA POLAS “PONTES CULTURAIS” CON PORTUGAL E ANIMA Á CIDADANÍA A ASISTIR Á FESTA DO LIBRO NA CASA ARINES DE VIGO
A delegada territorial en Vigo participou na inauguración do evento cultural que se celebra hoxe e mañá no Camoes do Casco Vello
FLiPo26 ofrece stands de editoras, zona de venda de libros de segunda man e un espazo gratuíto con exemplares para incentivar os hábitos de lectura
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiu este venres á inauguración da Festa do Libro Portugués (FLiPo26) que se celebrará ata mañá, 9 de maio, na Casa Arines do Casco Vello vigués, sede do Camoes e do Centro Cultural de Portugal. A representante autonómica animou a cidadanía viguesa a asistir ao evento tras destacar as “pontes culturais, económicas e sociais que unen á nosa cidade co país veciño”.
Este encontro literario, que ten lugar entre hoxe e mañá, ten como principal obxectivo achegar o público galego ás publicacións en lingua portuguesa, fomentando o contacto directo coa literatura lusófona e facilitando o acceso a obras de autores procedentes de distintos países e realidades culturais do espazo da lingua portuguesa.
Ao longo destes dous días, o salón multiúsos acolle diversos stands de editoras, distribuidoras e proxectos vinculados ao mundo do libro, onde as persoas visitantes poderán descubrir, follear e adquirir libros en portugués, abrangendo xéneros variados como novela, poesía, ensaio, literatura infantil e xuvenil, banda deseñada e moito máis. O evento inclúe tamén unha zona dedicada á venda de libros de segunda man, promovendo a circulación e reutilización de obras literarias, así como un espazo de agasallo gratuíto de libros, destinado a incentivar os hábitos de lectura e achegar aínda máis o público á literatura en portugués.
Entre os exemplares dispoñibles atópanse tamén obras gañadoras do Premio Literario Nortear, iniciativa da que a Xunta de Galicia é socia e que representa unha importante plataforma de valorización da creatividade xuvenil. Este premio ofrece á mocidade do Norte de Portugal e de Galicia a oportunidade de dar voz ás súas ideas, experiencias e sensibilidades a través da escrita, reforzando os vínculos culturais e lingüísticos entre ambos territorios.
O FLiPo26 consolídase así como un espazo de encontro, diálogo e intercambio cultural, celebrando a riqueza da lingua portuguesa e o seu papel como ponte entre comunidades. Trátase dunha excelente oportunidade para promover a lectura, apoiar o sector editorial, descubrir novas voces da literatura lusófona e fortalecer os lazos culturais entre Galicia e o universo da lingua portuguesa.
