Rehabilitación do barrio histórico e posta a disposición de vivenda

O CONSORCIO CASCO VELLO DE VIGO RECUPERARÁ UN EDIFICIO HISTÓRICO DA RÚA REAL PARA CONSTRUÍR NOVA VIVENDA DE PROTECCIÓN

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, celebra o acordo do organismo autónomo que preside para avanzar na rehabilitación do barrio
“Continuamos co traballo que realizamos durante as dúas últimas décadas para dar vida ao patrimonio da cidade e ofrecer vivenda á cidadanía”, sinalou

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello, Ana Ortiz, celebrou o acordo adoptado este xoves no comité executivo do organismo autónomo polo que se aprobou a compra do inmoble situado na rúa Real 20 (con fachada tamén cara a Teófilo Llorente, 41) para a súa restauración destinada á construción de vivenda de protección autonómica.

Segundo explicou a representante autonómica, a adquisición do edificio permitirá “continuar co traballo de recuperación” do barrio histórico da cidade, pero tamén co obxectivo de “ofertar vivenda á cidadanía” viguesa. “O traballo feito durante os últimos 20 anos vai a ter continuidade, porque o noso compromiso é firme e imos seguir nesta liña para que o Casco Vello teña unha rehabilitación integral no menor tempo posible e tamén aporte novas vivendas para novos veciños”, sinalou a presidenta do organismo.

Ana Ortiz explicou que a compra permitirá avanzar co proxecto para catro apartamentos de 1 dormitorio, dúas vivendas tipo dúplex e dous baixos comerciais cunha superficie total construída de 745 m2. O edificio, que está totalmente demolido e na actualidade so se mantén a fachada da rúa Real, foi construído no ano 1900.

Plan de Actuación 2026/2030

Ortiz lembrou que o pasado outono o CCVV aprobou tanto o seu Plan de Actuación 2026-20230 como o convenio entre administracións e o Plan de Actuacións, Investimentos e Financiamento (PAIF) 2026. O Plan de Actuación aprobado por unanimidade marca as pautas de rehabilitación que levará a cabo o organismo durante o vindeiro lustro. Así, un total de 25 inmobles, entre os que está o da rúa Real 20, son cualificados como obxectivo de actuación prioritaria e outros 20 edificios máis integran unha listaxe de actuación secundaria para dotar ao plan de flexibilidade.

Ademais, o plan contará cun investimento dun total de 15,1 millóns de euros, que será financiado mediante ingresos por venda de inmobles, transferencias de capital dos entes consorciados e ingresos correntes.