A XUNTA LICITARÁ UNHA NOVA SENDA PEONIL NA ESTRADA PO-407 EN O PORRIÑO QUE FACILITARÁ OS ACCESOS DOS ESCOLARES AO COLEXIO CRUZ DE BUDIÑO

A delegada territorial, Ana Ortiz, e o alcalde, Alejandro Lorenzo, visitaron a zona onde proximamente comezarán as obras cun investimento de 615.000 euros

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, visitaron este venres o tramo da estrada PO-407 onde proximamente darán comezo as obras de construción dunha nova senda peonil. Durante a visita, na que tamén participaron veciños da zona, as autoridades comprobaron sobre o terreo o trazado dunha actuación que busca transformar a seguridade viaria na parroquia de Budiño.

O proxecto céntrase na creación dun itinerario independente da calzada nunha zona que actualmente carece de espazos específicos para o tránsito de persoas. Cun investimento que rolda os 615.000 euros, a Xunta de Galicia habilitará unha senda de preto de 1 quilómetro pola marxe dereita da vía.

Ana Ortiz sinalou que será un novo espazo seguro para tránsito peonil nunha zona con vivendas e de acceso ao colexio público Cruz de Budiño e lembrou os investimentos que realiza a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas na área de Vigo.

Pola súa banda, o alcalde destacou a importancia desta obra para a contorna do colexio público, xa que permitirá que os escolares e residentes conten cun camiño seguro e accesible para os seus desprazamentos diarios.

En concreto, a actuación consiste na construción dunha senda no treito da estrada PO-407 comprendido entre os puntos quilométricos 0+130 e 1+020, creando un espazo seguro para o tránsito peonil independente da calzada, xa que esta carece na actualidade dunha zona destinada á circulación dos peóns.

A intervención deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta permitirá a execución dunha senda en formigón coloreado de ancho mínimo de 1,80 metros, agás nun estreitamento puntual na contorna do punto quilométrico 0+750, onde existe unha estrutura.

De cara a facilitar a accesibilidade, nos vaos peonís previstos, colocarase pavimento táctil de botóns ou direccional, formado por baldosas de 30×30 centímetros sobre unha base de formigón. O pavimento táctil, indicador de advertencia ou proximidade a puntos de perigo, situarase nos extremos da senda para indicar o final da mesma, así como nas paradas de autobús ou nos pasos de peóns para advertir a posibilidade de cruzamento con seguridade.

As obras a contratar inclúen melloras da seguridade adicionais, como o acondicionamento das paradas de autobús existentes nos puntos quilométricos 0+280 e 0+960. En ambos os casos acondicionarase e ampliarase a zona peonil, sinalizarase o refuxio e disporase de pavimentos que cumprirán as normativas vixentes de accesibilidade.

A intervención completarase con traballos adicionais de instalación dun prisma soterrado de telecomunicacións e iluminación, a mellora dos sistemas de drenaxe, a recolocación de contedores de residuos, sistemas de contención, construción de muros ou reforzo da sinalización.

O Executivo autonómico mantén o impulso das intervencións que favorecen unha Galicia mellor conectada e máis vertebrada, mellorando as comunicacións nos municipios e favorecendo unha mobilidade máis cómoda, segura, saudable e sostible.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitará nas vindeiras semanas esta obra, para iniciar a súa execución no derradeiro trimestre do ano. O prazo de execución das obras é de oito meses.