ANA ORTIZ E LARA MENESES DESTACAN A OFERTA DA XUNTA PARA ESTE VERÁN CON PRETO DE 500 PRAZAS NA ÁREA DE VIGO PARA CAMPAMENTOS E ACTIVIDADES PARA A MOCIDADE
A delegada territorial e a diretora xeral de Xuventude presentaron este venres as propostas do Goberno galego a través da campaña Modo Verán Activo
Campo de voluntariado das Cíes (100 prazas), campamentos de San Simón (140) e Fornelos (160), e minicampamentos en Mos (15), O Porriño (15) e Baiona (15)
Continúa aberto o prazo de inscrición para as actividades que se desenvolverán en xullo e agosto, cun total de 3.136 prazas na provincia
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron este venres os campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado da campaña Modo Verán Activo, que este ano oferta preto de 500 prazas na área de Vigo dun total de 3.136 en instalacións da provincia de Pontevedra. No conxunto de Galicia a cifra supera as 11.900. A programación vai dirixida a nenos e mozos dende os 9 ata os 30 anos.
Ana Ortiz apuntou que a maior oferta e a máis demandada polas familias é a dos campamentos, destinados a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre 9 e 17 anos. Durante os meses de xullo e agosto, sucederanse 32 quendas con diferentes temáticas en sete instalacións da Xunta repartidas pola provincia.
Lara Meneses sinalou que unha das actividades máis demandadas será de novo os campos medioambientais de voluntariado que se celebran nas Illas Cíes, no Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, cun total de cinco quedas e 100 prazas. Tamén destacou os campos “Aldea Alfacuca”, en Mos (15 prazas), “Sendeiros do Louro”, en O Porriño (15) e “Memoria do Mar”, en Baiona (15).
As representantes autonómicas incidiron en que se trata dunha programación “ambiciosa e moi agardada polas familias” de cara o verán. “Intentamos mellorar cada edición para dar resposta á demanda de actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, para que a nosa mocidade goce dun verán inesquecible”, indicou Meneses.
San Simón e Fornelos
Na área de Vigo tamén haberá campamentos na Granxa Escola Kiriko, en Fornelos de Montes (160 prazas), e na Illa de San Simón (140 prazas). Ademais, celebrarase o minicampamento “Pequeaventura na granxa” con 25 prazas máis. No conxunto da provincia hai un total de 2.431 prazas de campamentos, o que sumando aos campos de voluntariado e minicampamentos eleva a oferta ata as 3.136 prazas en toda a provincia de Pontevedra.
Procedemento de solicitudes
Tras a publicación o pasado 15 de abril da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, o prazo de inscricións estenderase desde hoxe ata o mércores 29 de abril para campamentos e minicampamentos. Neste caso, a solicitude debe facerse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e a adxudicación de prazas levarase a cabo mediante sorteo, priorizando este ano a aquelas persoas que non participaran nunha actividade adxudicada directamente na fase de sorteo de 2025.
No caso dos campos de voluntariado en Galicia, as solicitudes presentaranse mediante un formulario habilitado no portal de Xuventude, tamén no mesmo prazo, desde o 16 ao 29 de abril. Por outra banda, a oferta concertada para o uso de instalacións xuvenís abre o prazo hoxe canda os campamentos e minicampamentos cun prazo de 7 días hábiles, máis a súa é unha convocatoria propia en cuxas bases se establece a orde de prelación nas prazas.
No que respecta ao programa de ocio para maiores de 18 anos, abrirase máis adiante, cara mediados de maio. As solicitudes nesta modalidade faranse mediante formulario web, mentres que a adxudicación de prazas será por orde de inscrición.
