ORTIZ DESTACA O INVESTIMENTO DE 31M€ DA XUNTA EN CENTROS DE ENSINO DE VIGO TRAS A ADXUDICACIÓN DAS OBRAS DE REHABILITACIÓN DO CEIP CARBALLAL-CABRAL
A delegada territorial visitou as instalacións do colexio vigués e sinalou que o prazo de execución da intervención, unha vez se inicien os traballos, é de nove meses
É unha das primeiras 16 actuacións programadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para este ano
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns o Colexio Plurilingüe Carballal-Cabral de Vigo despois de que o pasado venres a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP adxudicase por case 500.000€ a obra de rehabilitación integral, que realizará a empresa Cies Obra Civil. O prazo de execución da actuación, unha vez se inicien os traballos, é de nove meses.
Ana Ortiz, que estivo acompañado polo director territorial de Educación, César Pérez Ares, destacou que esta intervención enmárcase nas primeiras 16 obras programadas pola Consellería en centros de ensino para este ano, cun investimento total de máis de 16 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.
Cómpre lembrar que Vigo é a cidade galega que recibe o maior investimento en obras en centros educativos, cun investimento de máis de 31 M€ ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. As actuacións máis recentes son a substitución de cubertas e a rehabilitación dos centros integrados de FP Valentín Paz Andrade (1,9 M€) e Manuel Antonio (1,5 M€). Así mesmo, este mesmo mes comeza, cun orzamento de 17,7 M€ a construción do novo Instituto Domingo Villar, en Navia.
Confort térmico dos catro edificios
A delegada sinalou que o obxectivo da intervención no Carballal-Cabral é mellorar o confort térmico dos catro edificios que compoñen o centro, incrementando a súa eficiencia enerxética. De feito, agárdase un aforro de enerxía e unha redución de emisións superior aos 30% en todos os volumes unha vez estean rematadas as obras.
Para iso, acometerase o illamento térmico mediante inxección en cámara nos catro edificios, así como a instalación de novas carpinterías exteriores. Tamén se mudará a cuberta do edificio principal, do que ocupa o ximnasio e do de uso do profesorado. A maiores, instalaranse novas luminarias led no ximnasio.


