Luisa Sánchez entrega os premios dos Xogos Intersociais en Vigo
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, entregou este sábado en Vigo os premios dos Xogos Intersociais, unha cita que reúne arredor do ocio e a amizade a numerosas asociacións veciñais da cidade como as de Candeán, Coruxo, Matamá, Zamáns, Beade ou Bembrive. O evento, que suma xa 47 anos de traxectoria, pon en valor xogos tradicionais como o dominó, o tute, a escoba, a brisca, as damas, o xadrez ou o parchís.
Durante a súa intervención na cerimonia de entrega de trofeos, que tivo lugar no local social da UVCD Candeán, Luisa Sánchez destacou o papel fundamental do tecido asociativo na dinamización social. “Na sociedade das pantallas, na que todo se move tan rápido, vós seguides demostrando que o verdadeiramente valioso é sentarse arredor dunha mesa, mirarse aos ollos, charlar e compartir tempo”, apuntou. A vicepresidenta felicitou ás persoas premiadas e agradeceu o compromiso de todas as entidades participantes por manter vivo un evento tan senlleiro como este.


